MVSEVMtextos
Museo
Arqueolóxico e
Histórico
 
 
GALICIA NA PREHISTORIA

CAPÍTULO II

AS SOCIEDADES DE PREDADORES
EN GALICIA
anterior                                                                                                               siguiente


AS PRIMEIRAS HUELLAS DE PRESENCIA HUMANA.

En Galicia non aparecen fósiles humanos de épocas prehistóricas; as condicións ácidas do solo, que descompoñen rapidamente todo tipo de restos orgánicos, impiden a súa conservación. Para coñecer o pasado remoto dos seres humanos en Galicia non contamos máis, polo tanto, que co rexistro puramente arqueolóxico, fundamentalmente cos restos dos artefactos feitos por man humana, así como, no seu caso, cos restos das súas edificacións (vivendas, tumbas, etc.).

Os máis antigos útiles coñecidos en Galicia remítense ao complexo Achelense, que como vimos é característico do Paleolítico Inferior. Moitos son os lugares que rendiron restos deste período, pero o seu potencial informativo, sempre moi reducido, resulta desigual. Podemos diferenciar tres grupos de achados achelenses segundo as circunstancias da súa aparición e posterior estudio: pezas soltas, coleccións de pezas de certa homoxeneidade e xacementos excavados.

Resultan abundantes os restos líticos do Paleolítico Inferior recollidos por investigadores, aficionados, mestres, curas, curiosos, etc. no seu deambular polo campo. Sobra dicir que estes achados aillados son moi pouco valiosos á hora de informarnos sobre o pasado, pois dunha peza solta, extraida do seu contexto deposicional, nada se pode inferir, salvo a constatación da presencia humana nun lugar máis ou menos próximo e nun tempo incerto, ao que ás veces podemos achegarnos a través das características tecnolóxicas e tipolóxicas da peza en cuestión. Por outra parte, a distribución de achados casuais adolece de dous defectos fundamentais que a fan non adecuada para unha análise territorial por constituir unha mostra non significativa dado o seu carácter doblemente sesgado, tanto por terse recollido casi exclusivamente bifaces, sen prestar atención a outras pezas, fundamentalmente lascas, que sen dúbida debían acompañar ás máis vistosas pezas que mereceron a atención dos coleccionistas, como polo feito de que os achados responden claramente á distribución dos centros de investigación que no seu momento serviron de polos de referencia e de incentivación das actividades arqueolóxicas, fundamentalmente neste caso os Museos de Ourense e de Pontevedra. Así, e salvo algúns escasos achados das provincias de Lugo (Monforte, Chantada) e A Coruña (lasca de Arteixo, bifaces de Noicela e lagoa de Alcaián), obsérvanse significativas concentracións de achados de bifaces na costa Sul da ría de Arousa e nas dúas costas das de Pontevedra e Vigo, así como todo ao longo do curso baixo do río Miño, dentro da provincia de Pontevedra; na de Ourense, unha serie de achados aparecen na propia capital e nos municipios máis próximos, relacionados co Miño e con algún dos seus afluentes.

As coleccións de artefactos teñen diferente valor informativo segundo que as pezas proveñan dunha ampla zona ou dun só xacemento ben localizado. No primeiro caso, e aínda que o número de pezas poida dar a impresión dun maior interés, non deixamos de estar ante unha suma de achados casuais, máis ou menos próximos, sen que o feito de aumentar a cantidade redunde nunha maior calidade da información. Tal é o que acontece coa colección Eliseo Alonso, con materiais recollidos no Baixo Miño, ou a de materiais recollidos no Río Arenteiro, na provincia de Ourense, ambas atribuibles ao Achelense.

Máis interés teñen as coleccións de pezas dun único xacemento, mesmo se éste non foi excavado ou non o foi nas debidas condicións. Proceden de recollidas de superficie, en zonas nas que existen concentracións de útiles; éstes están feitos fundamentalmente a partir de cantos rolados de cuarcita, e os tipos máis abundantes (baixo a influencia das preferencias dos autores das recolleitas) son os bifaces, aínda que tamén están presentes os triedros, os cantos tallados e as pezas sobre lasca, como fendedores, raedeiras e denticulados (estes dous últimos, que alcanzarán o seu máximo desenvolvemento no Musteriense, non son extraños durante o Achelense). A pesares de que non se poida garantir unha composición non mixturada de elementos de varios momentos cronolóxicos, e de que a falla dun estudio do contexto non informe da súa situación primaria ou desplazada, nos casos en que o estudio revele homoxeneidade nos tipos pode servir para facer unha adscripción provisoria dos respectivos xacementos a un momento cronocultural determinado, aínda que sin que teña máis valor que unha hipótese mentres non se aborden estudios de maior profundidade. Como exemplo deste tipo de coleccións pódense citar os de Chan do Cereixo en Portavedra (Pontevedra), adscribible a un Achelense no que está presente a técnica levallois; o de Louselas en Vilaselán (Ribadeo, Lugo), do Achelense Medio, ou o da colección Pelayo Fernández, con materiais do xacemento de Budiño (Porriño, Pontevedra) non procedentes da excavación que axiña veremos, cunha adscripción ao Achelense Superior.

Ademáis de duas catas practicadas en 1977 no xacemento de Pazos en San Ciprián de Viñas (Ourense), hoxendía desaparecido baixo o Polígono Industrial, que proporcionaron elementos dunha industria sobre cuarcita adscribible ao Achelense (bifaces, fendedores, raedeiras e útiles sobre lasca), o único xacemento excavado en Galicia é o das Gándaras de Budiño, en Porriño (Pontevedra). A pesar das grandes dificultades que aínda hoxe presenta a interpretación dos datos aportados polas sucesivas excavacións, é o xacemento galego no que se empregaron máis esforzos desde o momento do seu coñecemento en 1961 por H. Nohn, e no seu estudio participaron investigadores nacionais e extranxeiros, alcanzando unha certa repercusión internacional.

O POLEMICO ACHELENSE DAS GANDARAS DE BUDIÑO

O primeiro investigador galego que prestou atención a Budiño foi o recordado X. M Alvarez Blázquez, quen recolleu en superficie as máis de 200 pezas que en 1962 chamaron a atención de D. Collins e E. Aguirre; éste dirixiu en 1963 a primeira excavación arqueolóxica no xacemento, contando coa participación de Biberson e o xeólogo K.W. Butzer. Sondeáronse tres puntos diferentes: un deles resultou arqueoloxicamente estéril, a pesares de que na súa superficie foran recollidos anteriormente abundantes artefactos (a colección Pelayo Fernández, da que xa falamos); os outros dous puntos foron estudiados mediante a excavación de trincheiras lonxitudinais dun metro de ancho, alcanzándose unha superficie total de case 200 m2.

Os sondeos, nos que se recolleron cerca de 700 artefactos, puxeron en evidencia a superposición de diferentes capas de terra (estratos), permitindo comprender os fenómenos xeolóxicos que se produciron no lugar ata dar lugar á superficie actual. Estes estratos foron estudiados por Butzer, quen emitiu as primeiras hipóteses sobre as causas e momentos da sua formación:

- A capa máis profunda, o sustrato básico do xacemento de Budiño a unha profundidade de metro e medio, está formado por arxilas caolínicas, arqueoloxicamente estériles, depositadas quizá no Terciario.
- Sobre esta capa exténdese un estrato duns 60 cm. de espesor medio, no que se alternan capas de areas grosas e gravas ás que se superpón unha capa de area máis fina. Interpretouse como restos dunha terraza fluvial, formada probablemente durante o interglaciar Mindel-Riss e, en calquera caso, con anterioridae á glaciación Würm. Nas zonas sondeadas por Aguirre este estrato de terraza fluvial resultou arqueoloxicamente estéril.
- Un novo estrato de materiais finos, limos e arxilas de cór branquecina, cun espesor medio de 30 cm., aparece sobre a terraza fluvial. E un coluvión de sedimentos depositados pola auga no seo do cal aparece a industria lítica e os restos interpretados por Aguirre como fogares e talleres de talla. Para Butzer, o momento de formación do coluvión inferior e da ocupación humana correspondería ao período máis frío do Würm, o Pleniglacial superior, hai uns 28.000 anos.
- A este coluvión inferior superponse unha nova capa de limos e arxilas, o coluvión superior, esta vez de cór pardo claro e con 20 cm. de espesor medio. Contén poucos materiais arqueolóxicos, aparentemente non in situ, e a súa edade sería, segundo Butzer, duns 14.000 anos.
- Finalmente, os 30 cm. superiores do perfil corresponden ao solo actual, formado en condicións postglaciares.

A industria lítica, en cuarzo e en cuarcita, que como vimos está concentrada no coluvión inferior, foi estudiada por M.D. Echaide, quen distingue catro grupos: (1) bifaces, triedros, picos, fendedores e cantos tallados; (2) raedeiras, raspadores, perforadores, coitelos de dorso natural, pezas con escotaduras, denticulados e buriles, algunhas delas atípicas; (3) núcleos de diversos tipos cun certo aire musteroide; e (4) lascas, algunhas delas retocadas sen que conformen útiles recoñecibles, e non extraidas con técnica levallois. A industria é situada por Echaide, á vista do sinalado, nun achelense superior, sen descartar a sua posible pertenza ao Paleolítico Medio. O estudio da relación entre lascas e núcleos fai que Echaide non admita a idea das áreas de taller proposta por Aguirre; trátanse de puntos de acumulación de artefactos, pero sen que se poida definir ningunha función concreta para ditas concentracións líticas.

A contradicción entre as características da industria e a datación proposta por Butzer a partir do seu estudio xeolóxico resulta evidente. Como vimos no capítulo anterior, o Achelense é típico do Pleistoceno Medio (700.000-120.000 BP); tratándose dun Achelense evoluído podería chegar, se temos en conta os casos habituais, ata o 90.000 BP pero non moito máis acó. Mesmo se se tratase dunha industria musteroide, do Paleolítico Medio, podería estar entre o 90.000 e o 35.000 BP; pero a súa relación co Pleniglacial Würmiense, nun momento en que nos casos coñecidos xa desapareceron totalmente os bifaces e están en pleno desenvolvemento as industrias do Paleolítico Superior, resulta extrañamente atípico.

Cómpre sinalar, con todo, que un caso en certa forma similar ocurre nalgunhas estacións de Portugal. Prospeccións e excavacións levadas a cabo por J.P. Cunha Ribeiro na cunca do río Lis (Leiria) puxeron en evidencia dous xacementos (Quinta do Cónego e Casal de Santa Maria 1) nos que unha industria propia do Achelense Medio, con bifaces, fendedores, triedros, cantos tallados e artefactos sobre lasca sen técnica levallois, se asentaba en coluvións que por certas características poderían datarse no Würm; o autor non rexeita esta hipótese, chegando a pensar nunha pervivencia do Achelense en momentos tardíos á que podería chamarse Epi-Achelense, se ben sinala que a solución debe vir pola realización de datacións absolutas fiabeis.

Volvendo a Budiño, a datación por C14 de duas mostras tomadas nas concentracións de cinzas que Aguirre interpretou como fogares, agravou aínda máis a contradicción. Unha delas, correspondente á base do Coluvión Inferior, deu como resultado 26.700 +3.600/-2.500 BP (I-2174); a outra, moi próxima á anterior aínda que no medio do coluvión, datouse no 18.000 300 BP (I-2175). As datas son plenamente coherentes co sinalado por Butzer para a formación do coluvión, pois caen dentro do estadio pleniglacial; pero resultan chocantes co tipo de industria, propia de momentos de miles de anos antes.

Este feito reforzou a liña de pensamento que, cando menos desde os anos 30, vía o desenvolvemento prehistórico galego como atípico e retardatario respecto doutras zonas da Península, facendo fincapé no carácter de finis terrae e na dificultade dos pasos que comunican Galicia coa Meseta e co Cantábrico para xustificar, pola lonxanía e o aillamento, este chocante arcaismo das industrias. Dando por boas as datacións, durante un certo tempo asumiuse que "o tren do desenvolvemento chegou a Galicia cun retraso de 100.000 anos". Dado que, ademais, non se coñecían en Galicia industrias do Paleolítico Superior, este vacío quedaba así cuberto: os "pregalegos", moi atrasados e arcaicos, continuaron durante o Würm cos modos de vida e cos utensilios propios de épocas moi anteriores. Era inutil, xa que logo, buscar industrias de lascas e láminas feitas en sílex, material que, para colmo de males, non existe no noso país.

A inexistencia de sílex, frente á abundancia das cuarcitas e cuarzos, foi outra das causas alegadas para xustificar o pretendido arcaismo das industrias líticas galegas; a ausencia dunha materia prima adecuada e os condicionantes impostos pola existente farían imposible a adopción dos tipos do Paleolítico Medio e Superior, ao tempo que dotaría dun aire tosco aos artefactos realizados sobre cuarcita, que deberían contentarse con reproducir, en anacrónica pervivencia, os tipos propios do Paleolítico Inferior, ou ben crear outros (logo falaremos do polémico Camposanquiense) non coñecidos nas tipoloxías tradicionais para estes períodos, elaboradas sobre pezas de áreas nas que o sílex é abondoso. A imposibilidade de aplicar as tipoloxías habituais (fundamentalmente a de F. Bordes), e a necesidade de establecer novas tipoloxías propias para as industrias líticas galegas, será outro dos mitos que non será demontado ata datas moi recentes.

A pesares de que esta visión foi xeralmente aceptada, algúns investigadores non chegaron a estar conformes coila. Entre estes, e no seo dunha ampla revisión dos problemas que presentaban as industrias líticas galegas, X. Vidal Encinas levou a cabo dúas novas campañas de excavación no xacemento das Gándaras de Budiño, nos anos de 1980 e 1981, mentres completaba a súa formación de postgrado baixo a dirección do profesor F. Bordes no Instituto do Cuaternario de Burdeos. Na campaña de 1980 excavouse en dous puntos diferentes, que recibiron os nomes de Locus I (16 m2) e Locus II (11 m2). Na campaña de 1981 os traballos centráronse nunha terceira zona (Locus III). No Locus II e no Locus III, as industrias líticas ocupan un estrato de gravas y areas grosas que subxace baixo outros estratos de arxilas e limos. Segundo os estudios de Vidal Encinas, os artefactos do Locus III son propios dun Achelense Superior, mentres que os do Locus II corresponden claramente a un Achelense Medio, atopándose entre eles cantos tallados, bifaces, fendedores sobre lasca, raedeiras, denticulados e coitelos de dorso natural, tallados en cuarzos e cuarcitas de boa calidade. No Locus I a industria é sensiblemente diferente no seu tamaño (pezas máis pequenas), na materia prima empregada (cuarzos, estando presente o cristal de rocha, e cuarcitas de baixa calidade) e na posición estratigráfica (ocupa agora os niveis superiores, chegando a estar as pezas afectadas por unha pátina negruzca debido á acción dos ácidos húmicos superficiais). O escaso número de útiles exhumados fai difícil a adscripción desta última industria; non sen moitas dúbidas, sinálanse certas afinidades musteroides que puideran facer encaixala no Paleolítico Medio.

A vista dos resultados, Vidal non acepta as datacións de Butzer, nin o suposto arcaismo do Paleolêtico galego, nin a necesidade de facer novas tipoloxías, e adscribe o Paleolítico Inferior de Budiño (Locus II) a un estadio final da glaciación Riss.

Dez anos máis tarde, o xacemento viuse afectado pola construcción da autovía de Vigo á fronteira con Portugal, a pesar de ser sobradamente coñecido nacional e internacionalmente o que, cando menos, fai pensar na inexistencia de medidas de prevención por parte dos responsables do Patrimonio Cultural Galego. A situación resolveuse coa subvención con fondos públicos (Dirección Xeral do Patrimonio Histórico - Xunta de Galicia e M.O.P.T.) dunha longa excavación que se extendeu durante once meses dos anos de 1991 e 1992, que ao parecer incluiu estudios paleobotánicos e edafolóxicos. E lástima que despois de catro anos non se teña noticia científica algunha dos resultados desta ampla e costosa excavación (a anunciada publicación dun avance nas actas do XXII Congreso Nacional de Arqueología, celebrado en Vigo en 1993, non tivo lugar) pois, segundo as noticias aparecidas nun suplemento de prensa (La Voz de Galicia), os investigadores chegaron á conclusión, a partir de análises polínicos, dunha datación para Budiño en torno a 75.000 anos antes de Cristo, e detectaron sucesivos niveis que falan dun habitat ocupado en distintos momentos; as afirmacións son o suficientemente ambiguas como para non tomalas en serio en tanto non aparezcan publicadas cun mínimo rigor, devolvendo así á sociedade a inversión en investigación que ésta realizou no xacemento.

Ante a ausencia de novos datos, unha síntese dos ata agora publicados foi realizada por C. Llana Rodríguez, investigador integrado no dinámico equipo do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba que está a sentar as bases do coñecemento do Cuaternario galego. Este autor, quen ao igual que antes X. Vidal, M. Santonja, M.A. Querol e outros non acepta que as datacións de Butzer poidan referirse á industria de Budiño, interpreta que as únicas industrias que poderían estar in situ ou cando menos in loco son as incluidas na terraza fluvial, coa que identifica os niveis profundos de grava e area do Locus II e do Locus III de Vidal, que como vimos contiñan materiais do Achelense Medio e Superior respectivamente; a datación pre-Würm da terraza, para a que parece existir acordo, non resulta contradictoria coa clasificación da industria. Sobre esta terraza, parcialmente desmantelada, se depositarían posteriormente os sedimentos e os materiais líticos do coluvión inferior; os materiais recollidos por Aguirre estarían claramente desplazados da súa ubicación orixinal, e pode ser que a datación máis antiga de Butzer se refira ao momento en que se deposita ao coluvión cos materiais líticos, sen que teña relación algunha co momento en que éstes foron fabricados. Finalmente, tras un episodio erosivo depositaríase o coluvión superior, cos outros materiais claramente fora da súa posición primitiva.

De ser correcta a interpretación de Llana Rodríguez, o xacemento de Budiño respondería ao esperable dada a súa industria, non apartándose dos paradigmas existentes no resto da Península e de Europa; teríamos así unha "normalización" das primeiras etapas da Prehistoria de Galicia, lonxe dos fantasmas de aillamento e arcaismo que parecían extenderse sobre o país desde o seu primeiro poboamento humano.

Así están as cousas no Paleolítico Inferior galego. Pouco máis podemos dicir sobre as sociedades humanas, a súa organización, a súa tecnoloxía (fora da talla da pedra), o seu aspecto físico (aínda que non parece arriscado supór que o autor dos bifaces debeu ser o Homo Erectus ou algún dos Presapiens, o que tampouco é dicir demasiado), nin sobre o medio ambiente en que viviron. Neste sentido tan só se pode sinalar que aínda que durante o Riss (300.000-130.000) deberon existir condicións glaciares, éstas non son coñecidas en detalle; para o interglaciar Riss-Würm ou Eemiense, A. Pérez Alberti sinala o seu posible parecido coas condicións climáticas actuais, se ben con temperaturas máis altas, maiores precipitacións e máis amplas oscilacións térmicas; a fauna e a vexetación sería, loxicamente, a correspondente a estas condicións.

Do desenvolvemento dos estudios sobre o Cuaternario, que ata agora non permiten precisar gran cousa para os tempos anteriores ao Pleniglaciar Würmiense Final, e da excavación de novos xacementos por equipos pluridisciplinares especializados, capaces de extraer toda a información que conteñen (e lugares como Portavedra, Louselas ou San Cibrán de Las parecen prometedores nese sentido), dependerá o futuro do achegamento ao noso pasado máis lonxano.

O PALEOLITICO MEDIO: UN DIFUSO MUSTERIENSE.

O Paleolítico Medio vén caracterizado nos seus momentos centrais (90.000-35.000 BP) pola ecuación Homo Sapiens Neanderthalensis = complexo industrial Musteriense (no que se desenvolven as industrias sobre lascas, con tipos clave, aínda que non exclusivos, como as raedeiras e os denticulados, sendo moi frecuente a técnica levallois, e pervivindo nalgunha das súas facies os bifaces); as novedades na técnica de talla parecen ser reflexo dunha maior especialización nas formas de aproveitamento do medio, ao tempo que as sociedades parecen adaptarse a unha maior variedade de nichos ecolóxicos, mesmo en circunstancias climáticas pouco favorables, mentres aparecen en determinados lugares as primeiras mostras de enterramentos rituais.

Non hai acordo acerca da inclusión no Paleolítico Medio dos momentos iniciais do Interglaciar Riss-Würm ou Eemiense; trátase do periodo no que se da a proliferación do Homo Presapiens ou Homo Sapiens arcaico, e no que se xeraliza, coexistindo coas tradicións achelenses anteriores, a técnica levallois para extracción de lascas de forma predeterminada. Así, mentres que algúns prehistoriadores consideran a este período como a etapa final do Paleolítico Inferior, outros prefiren incluilo como o momento inicial do Paleolítico Medio.

Na realidade, a discusión céntrase simplemente sobre ónde se deben pór os límites entre período e período, non sobre os contidos centrais destes; téñase en conta que os períodos cronolóxicos, tanto en Xeoloxía como en Prehistoria, non existen en sí mesmos, senón que son convencións dos investigadores para fragmentar, a efectos de facilitar o estudio e a análise, unha realidade que é continua e complexa. A discusión é, xa que logo, relativamente intrascendente, sempre que se teña en conta cál é o criterio que emprega cada autor de xeito que non se creen confusións.

O Eemiense, que comenza no 130.000 BP, ten o seu momento máis cálido (óptimo climático) hacia o 120.000 BP, coincidindo co límite entre o Pleistoceno Medio e o Pleistoceno Superior; a partir de aí comenza unha fase de relativo pero paulatino enfriamento, que pronto se ve acompañado polos seus correlatos de disminución arbórea e incremento da erosión. Este período máis frío (aínda que sen chegar aos extremos das fases estadiais), que dura desde o 110.000 BP ata o 80.000 BP, é o considerado por algúns autores como a fase final do Eemiense, mentres que outros prefiren incluila xa como fase inicial da glaciación Würm, dándolle o nome de Pre-Würm ou Würm I. Tampouco hai acordo, agora entre os xeólogos, no punto en que se debe situar a división entre o Eemiense e o Würm; é, como no caso anterior, un problema fundamentalmente formal.

No 80.000 BP éntrase xa sen discusión na glaciación do Würm, cos fríos da súa primeira fase estadial, o Pleniglaciar Würmiense Inicial, que durará ata o 60.000 BP; as súas características son xa plenamente glaciares, aínda que nos son menos coñecidas en detalle que as do segundo período estadial, o Pleniglaciar Würmiense Final, que terá o seu desenvolvemento entre o 28.000 e o 16.000 BP. Ambas fases estadiais están separadas por un tempo no que o clima se fai máis benigno; trátase do Interestadial Würmiense, entre o 60.000 e o 28.000 BP, durante o cal se dá a transición entre o Paleolítico Medio e o Paleolítico Superior (hacia o 40.000 ou 35.000 BP).

Xa que logo, o Paleolítico Medio na sua formulación clásica (90.000-35.000 BP) iníciase nunha fase de frío moderado (o final do Eemiense, correspondente ao Pre-Würm ou Würm I), desenvólvese cos intensos fríos do Pleniglaciar Wurmiense Inicial, e remata no seo doutra fase temperada, o Interestadial Würmiense.

En Galicia os datos arqueolóxicos para este período están pouco claros, non habendo acordo entre os distintos autores ante a inexistencia ata hoxe de xacemento algún con industrias de características plenamente musterienses. Con todo, existen varios casos para os que foi proposta esta atribución.

Un dos conxuntos líticos que, como xa vimos, pode ser encuadrado neste período é o excavado por X. Vidal Encinas no Locus I de Budiño; unha industria aínda mal coñecida pero que, polas súas características de pequeno tamaño, predominio dos útiles sobre lasca frente aos fabricados sobre núcleo, emprego de diversidade de materias primas, e pola súa situación estratigráfica en niveis superiores do xacemento, pode ser adscrito, sequera tentativamente, ao Paleolítico Medio.

Outro dos xacementos con fortes probabilidades de pertencer a este momento é o de A Piteira, en Toén (Ourense). Excavado en 1974, proporcionou uns materiais nos que, sobre unha variada materia prima (na que predominas as cuarcitas, pero que tamén emprega cuarzos, algún deles de excelente calidade, sílex e pórfidos) desenvólvese unha industria basicamente sobre lascas (con raedeiras, denticulados, fendedores, puntas, coitelos de dorso natural, burís e raspadores) con utilización de técnica levallois, estando tamén presentes os utensilios nucleares como os bifaces, triedros e cantos tallados; recolléronse tamén núcleos de varios tipos, percutores, lascas sen retocar e moi numerosos restos de talla.

Do estudio deste material, V. Rodríguez Gracia entende estar ante un Musteriense de tradición achelense con técnica levallois, aínda que cun número excesivo de denticulados. Sin embargo, tanto J.M. Vázquez Varela como J. Cano Pan poñen en dúbida esta atribución, e consideran que o conxunto de A Piteira encádrase millor no Achelense, sen explicitar en demasía os argumentos que os levan a esta conclusión. O segundo dos autores engade ademáis a posibilidade de que as pezas non estén in situ, senón que proveñan de arrastres de ladeira; o xacemento estaría composto, neste caso, por unha acumulación de materiais de distintos momentos, o que podería explicar a presencia de determinadas pezas en sílex e de pequeno tamaño, formalmente máis próximas ao Paleolítico Superior que ao Achelense. Tamén sinala esta posibilidade C. Llana Rodríguez, recordando que os materiais arqueolóxicos aparecen, entre os horizontes B e C dun solo, englobados nunha capa de limos e areas ou en bolsas de xabre, polo que non é descartable un proceso coluvial na súa formación.

Nada se pode afirmar definitivamente ata que novos estudios aclaren os mecanismos da formación do xacemento e os posibles procesos postdeposicionais que poideron afectalo, ao tempo que quizá poidan informar acerca das circunstancias ambientais existentes no seu momento, das que polo de agora nada sabemos; entretanto, pensamos que o alto número de restos de talla xogan a favor dunha situación primaria ou pouco dislocada, e que a consideración no Paleolítico Medio pode dar conta tanto das características achelenses como da industria de pequeno tamaño allea a esa clasificación.

Deixando A Piteira, tamén foron sinalados como de posible adscripción ao Paleolítico Medio as pezas de sílex aparecidas nun pedregal costeiro da parroquia de Maniños (Fene, A Coruña), entre as que se diferenciaron raedeiras, raspadores, burís, follas, lascas e núcleos. Sen embargo, ademáis da ausencia de contextualización destes materiais para os que non existe evidencia algunha da súa pertenza a un xacemento prehistórico, outros argumentos obrigan a extremar as cautelas e a someter aos materiais en cuestión a unha durísima cuarentena que practicamente exclue a sua pertenza ao Paleolítico Medio, ou cando menos ao Paleolítico Medio galego.

O problema non é exclusivo de Maniños, senón que se presenta repetidamente ao longo da costa galega, nunha serie de praias e cantais nos que aparecen na superficie do espazo intermareal materiais en sílex, que en moitas ocasións presentan evidentes sinais de talla humana.

Algúns autores como J.C. Abad Gallego plantexan a hipótese da existencia dunha cubeta sedimentaria secundaria ou terciaria submariña, moi próxima á costa, da que podería proceder o sílex polo movimento das mareas, sendo posteriormente tallado polos humanos prehistóricos.

Sen embargo, parecen máis verosímiles os plantexamentos que desde hai anos vén facendo o paleolitista J. Ramil Soneira: se temos en conta que as pezas de sílex aparecen en ocasións talladas intencionalmente, pero máis frecuentemente como resultado de fracturas aleatorias ou incluso en nódulos sen fracturar; que os tipos de sílex non se corresponden cos coñecidos ata agora como propios de Galicia, xa escasos de seu; que o sílex non só foi utilizado na prehistoria para facer útiles tallados, senón tamén ao longo de toda a historia como pederneira para facer o lume, incluso con producción industrial que ten confundido a máis de un prehistoriador; e que as zonas de aparición destas discutidas pezas en sílex se corresponden con lugares utilizados como portos de tráfico comercial coas Illas Británicas e o Norte de Europa documentado para épocas históricas, todo parece pórse de parte do escepticismo á hora de estimar o carácter prehistórico das pezas en cuestión. Se a opinión que comentamos é acertada, estes depósitos de sílex poden proceder das descargas de lastre de barcos procedentes de Inglaterra, onde o sílex é abundante; as pezas realmente prehistóricas virían mixturadas co lastre e poden representar exemplos do Paleolítico inglés ou doutras zonas do Norte de Europa, pero sin que teñan nada que ver co noso Paleolítico.

Para rematar cos xacementos deste pouco claro Musteriense, cómpre citar o dado a coñecer por C. Rodríguez Cao tras unha prospección na comarca de Bande (Ourense); trátase da estación de A Veiga (Lobeira), situada nunha terraza inferior do río Limia, con materiais non especificados que dito autor encadra no Paleolítico Medio. Tamén apareceron materiais paleolíticos, maioritariamente lascas entre as que destaca unha posible punta musteriense, na Pala I del Arroyo de Pardellán, tanto na entrada na cova como nas zonas exteriores próximas a ela, en prospección realizada por Fernández Rodríguez, Villar Quinteiro, Llana Rodríguez e Doval Galán. Son novos indicios que abren campos para que futuras investigacións avancen neste ata agora difuso período, para o que non podemos postular máis que a presencia humana (probablemente do Homo Sapiens Neanderthalensis) no territorio galego, sen que sexa posible de momento chegar a maiores precisións.

O PALEOLITICO SUPERIOR.

En términos xerais para o territorio europeo, o Paleolítico Superior vén caracterizado por fortes cambios frente aos períodos precedentes. O Homo sapiens sapiens sustitue rapidamente ao Homo sapiens Neanderthalensis, especie que desaparece definitivamente despois dos momentos iniciais do novo período, nos que como xa vimos poden coexistir as duas especies.

A tecnoloxía lítica experimenta un novo avance coa xeralización da extracción laminar, que permite un millor aproveitamento da materia prima mediante a producción de follas longas e delgadas que, por retoque posterior, van ser convertidas nunha ampla variedade de útiles. Algúns destes, xa coñecidos e utilizados durante o Paleolítico Medio, van incrementar a sua presencia e importancia cuantitativa na composición dos conxuntos líticos do novo período; os burís (instrumentos que presentan un fío angular estreito e tenaz), os raspadores e outros instrumentos como os coitelos de dorso rebaixado van convertirse en característicos sustituindo nese sentido ás raedeiras ou denticulados.

Por outra parte, e rompendo coa sensación de uniformidade que produce o Paleolítico Inferior e máis matizadamente o Medio, advírtese agora unha maior diversidade das produccións líticas, aparecendo numerosas variables rexionais que responden probablemente a unha progresiva diferenciación cultural á que non son alleos os condicionamentos ecolóxicos que impoñen os distintos nichos nos que se asentan os grupos humanos, nin aos tipos de materia prima que aqueles ofrecen; neste sentido resulta agora evidente o coñecemento do medio xeolóxico, e o comportamento selectivo con respecto a éste, de xeito que as diferentes rochas empréganse selectivamente en atención aos tipos de útiles que se pretende fabricar.

Aínda que con fortes diferencias rexionais, resultan máis abundantes as manifestacións rituais no tratamento da morte, con inhumacións nas que é frecuente a deposición do cadáver acompañado de útiles e obxectos de adorno, ás veces procedentes de zonas moi lonxanas, e chegando mesmo a coñecerse casos que poden representar o comenzo da monumentalidade asociada a ritos funerarios, cal é o "protodolmen" do abrigo de Pille-Bourses en Saint Germain-la-riviere (Gironde, Francia), no que sobre un corpo femenino, en posición replegada e acompañado de cornas de cervo grabadas con signos xeométricos, se erixiu unha estructura en pedra formada por duas lousas calizas sostidas por catro blocos de pedra, durante o Magdaleniense.

Máis impactantes aínda son as manifestacións artísticas dos grupos humanos do Paleolítico Superior, que aparecen en moi diferentes formas: escultura nas figuras de venus, nos remates dos propulsores e nos chamados "bastóns de mando"; grabado en plaquetas de pedra e nas paredes de abrigos, algúns deles como o imponente conxunto de Foz Côa moi próximos a Galicia, e grabado, releve e pintura nos conxuntos parietais existentes en covas da rexión francocantábrica.

Fálanos todo elo dun claro desenvolvemento das sociedades en relación cos períodos vistos ata agora; tomando verbas de A. Querol (1991:126), a humanidade do Homo sapiens sapiens presenta unha serie de características xeralmente aceptadas: "organización social con diferencias de rango ou xerarquías, sistemas de explotación ou aproveitamento do medio sofisticados e mesmo especializados. Por suposto cazaba, recolectaba, vivía en agrupacións ou campamentos base, o seu grado de nomadismo era máis ou menos amplo, ás veces inexistente, habilitaba o seu espacio de hábitat, controlaba e usaba ampliamente o lume, era previsor e mesmo podía chegar a almacenar os productos alimenticios pensando en épocas de menor abundancia".

O Paleolítico Superior ten o seu comezo durante o Interestadial Würmiense, fase de clima moderado que pronto dá lugar aos fortes fríos do Pleniglaciar Würmiense final, tras do que, a partir do 16.000 BP, comenza o Tardiglaciar, unha nova fase de lenta disminución do frío (Dryas I, 16.000-13.000 BP), interrumpida entre o 13.000 e o 11.000 BP durante o episodio templado do Interestadio Tardiglaciar, tras do cal se volve a outra fase de frío en descenso (Dryas II, 11.000-10.000 BP) ata chegar ás condicións templadas do Holoceno hacia o 10.000 BP.

A importancia da glaciación de Würm dentro da evolución xeomorfolóxica de Galicia non foi valorada suficientemente ata non hai moito tempo; tan só se recoñecían restos de fenómenos glaciares nas serras de Queixa e do Xurés. Desde finais dos anos 70 os estudios de A. Pérez Alberti puxeron de manifesto o errado desa visión, atopando claras manifestacións de glaciarismo, ademáis de nas serras xa citadas, na de Ancares e na totalidade do Macizo de Manzaneda, así como fenómenos de periglaciarismo por todo o territorio galego, dos que foron estudiados en principio os do litoral (rasa cantábrica, costa ao Sul de Vigo), o Nordeste (Serras de Meira e de Ancares) e o Sudeste (val do río Conso, Invernadeiro, río Camba, depresión de Monterrei, alto Támega, depresión de Maceda), coñecéndose restos en moitos outros lugares (vales do Sil e do Toxa, arredores de Santiago, Terra Chá, Serras do Courel e de Martiñá, val do Miño, etc.). Posteriormente foron obxecto de estudio outras zonas como as serras do Xistral, Cebreiro, Aribio, Lóuzara, Courel e Macizo de Trevinca-Sanabria, poñendo de manifesto a existencia de xelos perpetuos nas alturas superiores a 1.000 m., chegando as lingoas dos glaciares ata alturas de entre 500 (serras occidentais) e 800 m. (serras orientais).

Ata os anos 70 non foron coñecidas industrias do Paleolítico Superior en Galicia; como xa vimos, chegouse a admitir a sua inexistencia no territorio, que continuaría anclado en técnicas e modos de vida propios do Paleolítico Inferior, sendo as datacións de Budiño o principal apoio e o paradigma desta visión. A principios da década comenza a fructificar a longa e tenaz laboura de estudio e prospección de campo levada a cabo por J. Ramil Soneira nas terras baixas e as serras próximas a Vilalba (Lugo): en 1971 recibe o premio "Federico Maciñeira" da Real Academia Galega polo seu traballo Mesolítico Gallego, incomprensiblemente aínda inédito; en 1973 publica un estudio preliminar sobre o Paradero de Reiro, e inmediatamente, contando co apoio da Universidade de Santiago, teñen lugar as primeiras excavacións en dous abrigos (Pena Grande e O Carrizo) con industrias líticas laminares dos moitos por él descubertos. A partir dese momento queda en evidencia que, contra o que se viña pensando, en Galicia existen xacementos con industrias líticas que empregan o sílex (material tido por inexistente ata o descubrimento, tamén por Ramil, de varios "criaderos") e o cristal de rocha, ademáis de outros materiais como as cuarcitas, os cuarzos e o gres, para a fabricación de útiles (raspadores, follas de dorso rebaixado, etc.) sobre lascas e follas perfectamente homologables aos canónicos establecidos polas tipoloxías habituais.

Na actualidade, os primeiros estudios teñen a súa continuación por parte dun amplo colectivo de investigadores vinculados ao Museo de Prehistoria de Vilalba, que dirixe J. Ramil; o traballo conxunto está a sentar as bases para o coñecemento da evolución da vexetación mediante zonación polínica (P. Ramil Rego), os ciclos de edafoxénese e fases erosivas (A. Martínez Cortizas) e a fauna cuaternaria (C. Fernández Rodríguez) desde o Würm ata a actualidade, establecendo series edáficas e paleobotánicas que, xunto cos estudos xeomorfolóxicos de Pérez Alberti, permiten a contextualización e secuenciación dos xacementos arqueolóxicos (E. Ramil Rego, C. Llana Rodríguez, R. Villar Quinteiro) do Paleolítico Superior e Epipaleolítico.

OS COMEZOS DO PALEOLITICO SUPERIOR: A COVA DA VALIÑA.

O único xacemento no que está representado o inicio do Paleolítico Superior en Galicia é a Cova da Valiña, en Castroverde (Lugo). Descuberta casualmente durante traballos de extracción de pedra caliza para a obtención de cal, foi dada a coñecer por Vázquez Seijas en 1965, xunto coas pedras e ósos (entre os que figuraba unha punta de azagaia, que documenta a actividade de caza con este instrumento típico do Paleolítico Superior) recollidos no momento do seu descubrimento.

A súa excavación, dirixida por C. Llana e M Xosé Soto, realizouse en tres campañas entre 1987 e 1989, das que foi publicada unha síntese das dúas primeiras. Na zona excavada, correspondente a unha parte interior da cova (a área da entrada fora destruída), delimitouse unha ampla estratigrafía na que se identificou claramente un nivel arqueolóxicamente fértil que, ademáis de restos de ósos e de industria lítica, contiña carbóns e un somero pavimento de pedras, o que fai pensar nunha estructura de hábitat.

A industria lítica, realizada maioritariamente sobre cuarzos, xistos e calizas, sendo anecdótica a presencia de sílex, presenta útiles de reducido tamaño e pouco espesos, cun neto dominio das lascas frente aos soportes laminares, empregándose tamén fragmentos de xisto tal como foron recollidos para a obtención de útiles mediante retoque. Os tipos líticos identificados son varios tipos de burís, raspadores, perforadores, becs, coitelos de dorso tipo Abri Audi, unha posible punta Chatelperron, raedeiras e denticulados. Segundo apunta R. Villar, autora do estudio desta industria, as súas características apuntan indudablemente ó comezo do Paleolítico Superior e, dentro das dúas tendencias deste (Perigordiense e Auriñaciense), certos aspectos a aproximan á liña Perigordiense, como o predominio do retoque abrupto, o índice de burís superior ao de raspadores, a abundancia de burís sobre fracturas retocadas e a presencia de pezas típicas; dentro do Perigordiense, aínda que con menos garantías, pódese postular un momento temperán, cecais Chatelperroniense.

Do estudio (por C. Llana) pormenorizado das materias primas empregadas, atendendo ás súas características morfoestructurais (presencia ou non e tamaño de gran, e presencia ou non de planos de fractura preferente) e ó seu grado de alteración (pátina, rodadura), dedúcese un abastecimento puramente local (abranxendo un radio máximo duns centenares de metros desde o xacemento) e unha preferencia polos materiais sen gran aínda que con planos de fractura, observándose un claro comportamento selectivo en atención ao tipo de útil que se pretende fabricar, de xeito que, por unha parte, un material dado recibe un tratamento técnico e é destinado a determinados tipos de útiles segundo as súas características morfoestructurais e propiedades mecánicas e, por outra, para a fabricación dun útil elíxese, dentro do abano das posibilidades dispoñibles, aquela materia prima que millor se adecúa ás técnicas a empregar para a obtención do tipo desexado.

As condicións medioambientais foron establecidas por diferentes medios. O estudo sedimentolóxico (A. Martínez) do nivel arqueolóxico permitiu inferir que a súa deposición tivo lugar sen intervención de procesos de xelifracción, correspondendo á auga o arrastre dos sedimentos en condicións de alta pluviosidade, o que revela un clima húmedo e non frío. Estas conclusións foron refrendadas e precisadas polas análises polínicas, que revelaron que no momento de formación de dito nivel existía nos arredores da cova unha paisaxe de bosque dominado por piñeiros e abedules, propios de clima máis frío que o actual, aínda que con certa presencia de carballos e castiñeiros que indican que o frío non era extremo; póidose precisar tamén a existencia de espacios abertos en forma de pradeira de gramíneas con certo desenrolo do matorral.

Tamén o estudo da fauna (C. Fernández) foi coherente coas conclusións sinaladas pois, ao lado da significativa ausencia dos animais máis característicos dos fríos extremos dos momentos estadiais (reno, mamut, rinoceronte lanudo, marmota, lebre ártica), os restos óseos aparecidos pertencen a unha fauna composta por especies propias de climas temperados e húmedos (corzo, xabarín, rinoceronte de Merck, castor), xunto con especies indiferentes ao clima (oso das cavernas, lobo, hiena, raposo, marta) e outras que, se ben poden adaptarse ao frío, non son alleas ás condicións máis benignas (cabalo, bisonte, cervo); as preferencias de hábitat das mesmas especies apuntan ao bosco (corzo, xabarín, oso), a condicións mixtas (cervo, coello, raposo, lobo, marta), á pradeira (cabalo, hiena, rinoceronte de Merck, lebre) e a presencia de cursos de auga (castor), con dúbidas nos ósos dun gran bóvido difícil de identificar, que sinalaría ao bosque no caso de tratarse dun uro e á pradeira de ser un bisonte.

Outros comentarios e conclusións poden extraerse do estudio da fauna, como a alta presencia de carnívoros; no caso da hiena parece claro o seu carácter de habitante da cova, tal como demostra a presencia de coprolitos, sen que se poida precisar se se tratou dunha ocupación estacional intermitente, alternándose coa presencia humana, ou se produciu con inmediata posterioridade ao abandono da cova. A alta presencia do raposo permite suxerir que, ao igoal que o coello, poda ter sido obxecto de caza para aproveitar as peles. Con todo, non hai ningunha especie que se presente como claramente dominante sobre as demáis, incluindo os macromamíferos; este feito fai pensar nunha actividade cazadora non especializada, sen que se observe preferencia diferencial dunha especie ou especies concretas, evidenciando máis ben un comportamento de cazador oportunista, no que se aproveita todo tipo de carne ofrecido polo medio.

Cabe sinalar tamén o alto grado de fragmentación dos ósos, que máis parece provocada por presión que pola intervención humana, mesmo se esta tamén se produciu, como mostran as incisións deixadas nos ósos polas actividades de desarticulación de membros e de descarnado (P. Pumarejo); o feito de que non aparezan sinais de separación da pel e da parta pode ser indicio de que os animais non foron levados completos ao xacemento, senón campamento aquelas partes (fundamentalmente as extremidades) de maior contido cárnico, deixando o resto no lugar de captura; esto é coherente coa composición da mostra ósea recollida, se ben se debe ter en conta que o pequeno tamaño desta e a xa citada elevada fragmentación dotan ás conclusións dunha certa provisionalidade.

A atribución das industrias ao Paleolítico Superior inicial e as condicións climáticas deducidas dos estudios faunísticos, paleobotánicos e sedimentolóxicos apuntan a unha situación da ocupación humana na Valiña durante o Interestadial Würmiense, único período no que se da o conxunto de características sinaladas. Esta atribución ven corroborada polo resultado dunha datación por Carbono 14 feita no laboratorio de Groninga, que proporcionou unha data de 34.800 +1.900/-1.500 BP (GrN-17729), dentro do mencionado período.

O xacemento da cova da Valiña ven así a echer un vacío na Prehistoria de Galicia, e aporta os primeiros datos acerca da vida humana neste territorio durante o Paleolítico Superior, en momentos inmediatamente anteriores ao comezo dos grandes fríos da segunda fase da glaciación Würm.

O VACIO DO PLENIGLACIAR WÜRMIENSE FINAL.

Coa entrada na segunda etapa fría da última glaciación pérdese o rastro das sociedades humanas. Non é impensable que as desfavorables condicións climáticas redundasen nunha disminución da poboación, pero antes de postular, como xa se fixo hai anos para todo o Paleolítico Superior, unha despoboación total do territorio, débense revisar as consecuencias dos procesos glaciares que xa foron comentadas nos seus aspectos xerais: crioclastia ou xelifracción (rotura das rochas a causa do frío, como consecuencia do xelo e dexelo estacional nas rexións de condicións periglaciares como foi o caso de Galicia), erosión e transporte dos materiais polas lingoas glaciares e os ríos no seu curso alto, sedimentación en morrenas glaciares e no curso medio dos ríos, solifluxión (esvaramento estival da capa superior do solo sobre a inferior conxelada), importante descenso do nivel do mar, etc. Todos estes fenómenos fan que, por unha parte, os posibles asentamentos próximos ao mar estén hoxe baixo as súas augas e, por outra, que unha moi importante cantidade dos existentes no interior teñan sido desmantelados polos sucesivos axentes erosivos combinados. De feito, no estudo de A. Martínez Cortizas no que foron analizados 21 solos de xacementos prehistóricos das Serras Septentrionais, resulta chamativo que tan só oito deles conserven restos de solos preholocenos -todos do Magdaleniense-, tendo desaparecido no resto dos casos por mór dos episodios erosivos do Würm, sendo o da fase final da glaciación (a chamada Dryas Recente) o millor detectado. Cabe pensar polo tanto que a meirande parte dos restos deixados polos grupos humanos dos grandes fríos reposen hoxe no fondo dos vales, mixturados con outros restos baixo fortes capas de sedimentos, ou teñan desaparecido definitivamente baixo o mar, ben por teren sido arrastrados polos ríos, ben por corresponder a asentamentos no seu momento costeiros e hoxe asulagados despois da subida do nivel das augas (transgresión Flandriense) ao final da última glaciación.

A escasez de solos anteriores a estes momentos e as condicións de escasa ou nula edafización propias dos grandes fríos dificultan se non impiden ter datos de primeira man para a reconstrucción da paisaxe de Galicia nesa época; con todo, estudos levados a cabo noutras rexións do Suroeste europeo permiten unha certa aproximación. Os fortes fríos do Pleniglaciar Würmiense Final (28.000-16.000 BP) alcanzan o seu máximo entre o 20.000 e o 18.000 BP. Nestes momentos o frente polar sitúase no océano á altura de Lisboa, incluindo de cheo o espacio galego. En consecuencia, as augas do mar permanecerían conxeladas durante o inverno mentras que no verán o parcial dexelo daría lugar a unha gran abundancia de icebergs. Nas terras altas do interior de Galicia as neves serían perpetuas a alturas superiores aos 800-1.000 m., con formación de glaciares que prolongarían as súas linguas nun descenso ata alturas de 600 a 800 m; nestas condicións a actividade edáfica sería nula, predominando a resistaxia. O resto da superficie de Galicia, por debaixo desas alturas, estaría inmersa en condicións periglaciares nas que o dexelo estival non afectaría máis que á superficie exterior do solo, dándose de forma habitual a situación de permafrost; a vexetación iría desde as meras comunidades de musgos e líquenes ata as pradeiras de herbáceas con algún arbusto de pequeno porte, segundo as zonas; o bosque sería prácticamente inexistente, estando limitada a vexetación arbórea a exemplares aillados ou formando pequenos grupos de piñeiros e abedules, con presencia esporádica de carballos e ameneiros nos enclaves de condicións máis favorables.

O final da última glaciación comenza hacia o 16.000 BP, cando se inicia a última gran fase do Würm, que recibe o nome de Tardiglaciar e que se desenvolverá ata o 10.000 BP, momento que marca o final do Pleistoceno e o comezo do Holoceno ou tempo actual. Supón o Tardiglaciar un período de transición no que o clima se fai máis benigno; pero esta milloría climática non é lineal, se non que experimenta unha serie de fluctuacións que actualmente se agrupan en tres períodos: estadio do Dryas Antiguo, Interestadio Tardiglaciar e estadio do Dryas Recente.

O primeiro deles é o Dryas Antiguo (16.000-13.000 BP), unha fase estadial na que as condicións climáticas, aínda gozando dun incremento da temperatura con respecto ao período anterior, continuan a ser frías. O frente polar experimenta un lixeiro retroceso cara ao Norte, situándose o seu límite na desembocadura do Miño. Esta situación repercute no interior de Galicia, retrocedendo tamén o límite das zonas de neves perpetuas e glaciares ata as alturas de máis de 1.000 m. Baixo elas, as pradeiras de herbáceas con formacións de arbustos expándense polos terrenos ata entón esteparios, pero sen que se dé polo momento unha expansión de especies arbóreas. Tamén permanecen baixo mínimos os procesos de edafoxénese, aínda que xa comenzan a formarse algunhas turbeiras.

A situación modifícase considerablemente coa entrada no Interestadio Tardiglaciar (13.000-11.000 BP), unha fase caracterizada por unhas condicións climáticas sensiblemente máis benignas, como corresponde á retirada do frente polar, que se sitúa agora nas costas do Labrador e Groenlandia. Paralelamente, no interior de Galicia se producen notorios cambios, que responden ao incremento da temperatura e da humedade. As neves perpetuas quedan restrinxidas ás maiores alturas das serras, por riba dos 1.100-1.500 m.; baixo elas, e ata unha altura aproximada de 700 m., aparecerán diferentes tipos de vexetación atendendo ás particularidades rexionais e locais; dun modo xeral pode considerarse unha extensión da pradeira de gramíneas sobre a estepa. As alturas inferiores aos 700 m. experimentan o xeralizado renacer do bosque, principalmente de especies frías (piñeiro, abedul), pero coa presencia do carballo, que pode chegar a ser dominante en condicións favorables. Reanúdanse agora os procesos edafoxenéticos, sendo destes momentos os máis antigos solos preholocénicos conservados, formados tanto sobre coluvións de ladeira acumulados nas anteriores condicións periglaciares como por transformación do sustrato rochoso. Tamén recupérase o rastro da presencia humana, con restos englobados nos horizontes A dos solos formados agora, e truncados e sepultados posteriormente por novos episodios erosivos que alternarán con períodos de estabilidade conducindo á aparición de solos policíclicos, estudados no seu aspecto puramente edafolóxico por A. Martínez Cortizas e desde a palinoloxía por P. Ramil Rego, autores aos que seguimos nesta exposición xunto con J. Ramil Soneira, E. Ramil Rego e C. Llana Rodríguez para o que se refire aos aspectos arqueolóxicos dos xacementos.

O MAGDALENIENSE FINAL DO INTERESTADIO TARDIGLACIAR.

Os xacementos que poden ser atribuidos ao Paleolítico Superior final, coincidente coas condicións relativamente cálidas do Interestadio Tardiglaciar, son coñecidos gracias ás prospeccións de J. Ramil das que xa falamos. Un bon número de lugares na Galicia central conteñen industrias, en cuarzo, sílex, cristal de rocha e ás veces en gres, que presentan gran similitude coas coñecidas na cornisa cantábrica. Moitos destes xacementos están situados ao abrigo de viseiras ou oquedades (de ahí o nome de abrigos) existentes en rochas ou penedos, con condicións (como a cercanía a ríos, lugares de boa visibilidade sobre o entorno, etc.) que os convirten en firmes candidatos a ter actuado como lugares de asentamento máis ou menos temporal dos grupos humanos do Paleolítico Superior. Entre eles cabe resaltar por diferentes razóns os de Prado do Inferno I -chamado tamén abrigo Vidal I- na parroquia de Muras (Muras, Lugo), o abrigo de Pena Grande en Santabaia (Vilalba, Lugo) e o de Férvedes II en Lousada (Xermade, Lugo).

A industria dos dous primeiros, realizada en sílex, cuarzo, cristal de rocha e gres, presenta fortes similitudes entre sí tanto nas materias primas empregadas como nos tipos de útiles fabricados, o que permitiu a autores como Vázquez Varela suxerir a relación entre ambos asentamentos, tal vez utilizados complementariamente polos mesmos grupos humanos. O estudio do conxunto lítico obtido nas excavacións do abrigo de Pena Grande, no que predominan as laminiñas de dorso rebaixado sendo frecuentes os raspadores, os burís e os perforadores de diversos tipos, evidenciou unha serie de características (dominio numérico dos raspadores, entre os que destacan os unguiformes, frente aos burís e, dentro destes, dos diedros frente aos de truncatura; importante presencia de laminiñas de dorso, e presencia dun exemplar de raspador circular e dun trapecio) que resultan similares as das industrias propias do Magdaleniense Superior ou Final da cornisa cantábrica, onde este período resulta suficientemente coñecido. Tamén o estudo combinado de edafoloxía e palinoloxía incide na mesma atribución, por canto a industria de Pena Grande estaba contida no horizonte edáfico máis profundo, atribuible ao Interestadio Tardiglaciar, dos catro existentes nun solo policíclico, documentando unha vexetación de bosque caducifolio non denso, propia de zonas influenciadas polo dominio oceánico durante dito momento climático.

Características similares ás anteriores presenta a industria de Férvedes II, obxecto ata agora dun estudio preliminar; pero non é este o maior punto de interés do xacemento, se non o feito de que proporcionou unha placa de pedra blanda, de forma xeral ovalada irregular e sección planoconvexa, perforada nun dos seus extremos a modo de colgante, e cunha liña vertical grabada en cadansua cara. Esta peza, a pesar da súa simpliciade, ten o indudable mérito de ser a primeira e ata agora única mostra dun arte moble que, pola sua similitude con obxectos similares do cantábrico, se pode situar tamén no Magdaleniense Final, insistindo na idea da implantación de grupos humanos, cando menos nas terras centrais de Galicia, durante o Interestadio Tardiglaciar; grupos que cada vez parecen máis homologables aos millor coñecidos do Paleolítico Superior cantábrico, rompendo definitivamente coa durante tanto tempo vixente imaxe de arcaísmo na Prehistoria de Galicia.

Os resultados da investigación do equipo do Museo vilalbés aclaran as dúbidas, manifestadas por autores como J.M. Vázquez Varela, acerca de se as industrias formalmente similares ás cantábricas do Paleolítico Superior corresponderían en Galicia a ese momento ou representarían máis ben pervivencias de técnicas e formas que se prolongarían en períodos posteriores, xa entrado o Holoceno: hoxe por hoxe parece incontestable que as industrias son do Magdaleniense final, evidenciando a correspondencia formal, técnica e cronolóxica entre Galicia e o resto do Cantábrico. Esta correspondencia fai que, aínda que non se teñan atopado osos humanos ninb restos claros de estructuras de habitat nos xacementos galegos, non resulte arriscado postular a presencia do Homo sapiens sapiens organizado en comunidades máis ou menos nómadas, practicando un modo de aproveitamento do medio baseado na caza, pesca e recolección, cun comportamento máis selectivo e especializado que nas etapas anteriores, evidente no medio xeolóxico (explótanse recursos máis variados e con maior eficiencia) e deducible para o medio biolóxico.

Para o encontro coas sociedades do Paleolítico Superior apenas se deron os primeiros pasos; pero a solidez destes evidencia que o traballo interdisciplinar, desenvolvido primeiro en zonas amplas para diseñar unha secuencia evolutiva que sirva de marco xeral de referencia, e aplicado posteriormente ao estudio intensivo e profundo das condicións de formación de cada xacemento individual e dos procesos posdeposicionais polos que se viu afectado ao longo do tempo, revélase como a estratexia investigadora máis rentable nestes momentos para o estado incipiente no que se atopa o coñecemento do Paleolítico Superior en Galicia.

O FINAL DO PALEOLITICO.

Co final do Interestadio Tardiglaciar éntrase nunha nova fase estadial de recrudecemento do frío, o Dryas Recente (11.000-10.000 BP). O novo descenso latitudinal do frente polar, que se situa agora nas proximidades do cabo Ortegal, trae consigo unha considerable reducción da poboación arbórea que se ve parcialmente sustituida por formacións de herbáceas e arbustiva, reaparecendo tamén a paisaxe de estepa nalgúns enclaves. No aspecto edafolóxico, os fríos interrumpen o ciclo de formación de solos dando lugar a un episodio erosivo, con forte inestabilidade nas vertentes nas que voltan a darse movimentos masivos de coluvionamento e solifluxión. Esta crise erosiva conleva varios fenómenos sucesivos o simultáneos: a importante destrucción de solos anteriores, na sua totalidade ou nos horizontes máis superficiais; o enterramento baixo aportes de coluvións dos solos anteriores, previamente truncados ou non; e a formación de sedimentacións de novo cuño que actuarán como material de partida para a aparición de novos solos unha vez alcanzadas as condicións máis benignas do Holoceno.

Todas estas circunstancias provocan un novo vacío na documentación arqueolóxica, sen que ata o momento exista ningún xacemento que poda inscribirse con seguridade nestes momentos; con todo, non deixa de ser posible que algúns dos xacementos con industrias detectados e aínda non estudiados en profundidade poda cubrir nun futuro próximo este vacío.

Fora da Galicia interior, un posible candidato é o xacemento de Fiales, próximo ao lugar de Pedornes (Oia, Pontevedra), nun tramo de costa entre Baiona e A Guardia no que existen abundantes acumulacións de cantos rodados entre os que se atopan frecuentemente pezas traballadas por man humana, fundamentalmente cantos tallados e lascas, ainda que tamén aparecen picos (&&&), sempre fora de todo contexto arqueolóxico. Estes conxuntos de pezas foron obxecto de todo tipo de especulacións teóricas, sendo considerados por algúns autores como propios do paleolítico inferior, mentras outros os vinculaban ao mesolítico (etapa intermedia entre o Paleolítico e o Neolítico) identificándoo a través dos picos cunha cultura similar ao asturiense do cantábrico, sen que faltasen os que postulaban a súa pertenza ao Paleolítico Medio por comparación dalgunhas pezas coas do un hipotético Languedociense, término creado por Breuil nas terrazas do Garona en Francia para definir unha industria sobre cantos que se pensaba contemporánea do Musteriense (posteriormente se demostrou que correspondía a momentos posglaciares); creouse así o término Camposanquiense para referirse aos conxuntos da costa Sul de Galicia, e o término foi obxecto de uso e abuso ata chegar a un estado de confusión certamente peculiar. As últimas investigacións parecen deixar claro que baixo este término se esconde un abigarrado conxunto de pezas procedentes de diferentes momentos e culturas prehistóricas e mesmo históricas, tal como defenderon entre outros Vázquez Varela, Vidal Encinas e actualmente Cano Pan, polo que carece de sentido seguir a falar do Camposanquiense por canto non existe ningunha industria característica dun período determinado que poida responder a ese nome.

Volvendo a Fiales, o seu principal interés é que por vez primeira foi documentada, en excavación de Cano Pan, a aparición dun pico in situ, asociado a unha industria sobre cantos de cuarcitas e cuarzos composta por cantos tallados, principalmente unifaciais, e lascas en número non despreciable. A partir de análises polínicas, M.J. Aira propón para este xacemento unha datación entre o 13.600 e o 9.800 BP, polo que podería corresponderse co período que estamos a considerar. De ser así, teríamos a finais do Pleistoceno unha industria sobre cantos propia de tradicións técnicas que non teñen que ver coas máis "canónicas" da Galicia central, reabrindo a posibilidade da existencia dunha continuidade das industrias de cantos tallados durante todo o Paleolítico, prolongándose alén deste polas edades do Bronce e do Ferro ata ben entrada a época romana, tal como evidencian o xacemento do Bronce Final de Portecelo, o castrexo de A Forca e o galaico-romano de Santa Trega.

<<                                                               >>

Galicia na Prehistoria
José Mª Bello
Antonio de la Peña

Historia de Galicia, Tomo I

© Vía Láctea Ed.
Perillo-Oleiros, 1995

Presentación
Capítulo I
Capítulo II
Capítulo III
Capítulo IV
Capítulo V
Capítulo VI
Capítulo VII
Capítulo VIII
Bibliografía

 
  ut sum satis curiosa  
 
sananton@ctv.es