Un símil que intenta aproximarnos a esta
orde de magnitudes é o de representar
eses dous millóns e medio de anos como
un día de vintecatro horas. A cada segundo
dese hipotético día corresponderíanlle
trinta anos reais; a especie humana actual (Homo
sapiens sapiens) tan só aparecería
nos últimos vinte minutos (uns trinta
e cinco mil anos), e os 1995 anos que nos separan
do cambio de era a penas ocuparían o
último minuto dese hipotético
e longo día.
Resulta
evidente que a tales distancias temporáis
non podemos pedir un exceso de coñecementos;
para saber o que aconteceu en pasados tan remotos
non só cos nosos antepasados senón
coa propia evolución do planeta contamos
tan só con escasas bases materiais sobre
as que construir as teorías máis
ou menos verificadas que conforman hoxe o conxunto
dos nosos coñecementos.
E,
xa que falamos de tempo, tampouco é tanto
o que se leva matinando nestes asuntos. Ata
os mediados do século pasado o pensamento
occidental, tan enraizado na tradición
xudeocristiá que as menores disidencias
-e con elas os propios disidentes- se convertían
literalmente en fume, acudía á
palabra revelada do libro do Xénese para
responder as preguntas sobre as orixes da nosa
especie. Deus creou ao home o sexto día
da Creación, e non hai máis que
falar. Hai algo máis de trescentos anos
o bispo irlandés Ussher, facendo un reconto
bíblico dos anos que viviran todos os
ascendentes de Cristo, chegara xa a unha contundente
conclusión: o mundo foi creado, exactamente,
4.004 anos antes da nosa era.
Certo
é que xa desde o século XVIII
algúns xeólogos decatábanse
de que non todo era tan sinxelo. O estudio da
composición da cortiza terrestre levou
a advertir a existencia de diferentes capas,
os estratos, que foran depositadas sucesivamente
no tempo. A constatación de que en estratos
moi antigos aparecían animais hoxe inexistentes
foi tomado, en inicio, como proba do Diluvio
Universal. Aínda hoxe fálase ás
veces de animais antediluvianos para referirse
a especies desaparecidas, como os dinosauros.
De aí vén. Logo, decatáronse
de que en determinados lugares favorables podían
aparecer diferentes estratos sucesivos, contendo
cada un deles unha fauna diferente e específica.
A explicación, dentro do esquema bíblico,
buscouse mediante a existencia de numerosos
Diluvios, dos que a Biblia recollería
tan só o derradeiro. Pero a cousa complicouse
coa aparición, xa na primeira metade
do século XIX, dalgún xacemento
europeo no que, no mesmo estrato, exemplares
de fauna desaparecida (rinocerontes, mamuts...)
considerada antediluviana aparecían xunto
con ósos humanos e pedras indiscutiblemente
talladas. Segundo a Biblia, o continente europeo
non foi poboado pola especie humana máis
que a partir do final do Diluvio Universal;
tal asociación de homes e bestas antediluvianas
era imposible. O sino dos primeiros descubrimentos
foi, xa que logo, a dúbida, a negativa
e o silencio. E menos mal que os seus autores
non acabaron convertidos en fume; por sorte
para eles, mal que ben eran xa outros tempos.
A
mediados do século XIX, xa coa revolución
industrial en plena marcha e cunha pantasma
percorrendo Europa, as evidencias foron de tal
forza que racharon co corsé que o fundamentalismo
bíblico representara para o desenvolvemento
das ciencias xeolóxicas durante cando
menos douscentos anos. E non só se admitiu
a existencia da humanidade desde tempos remotos,
cada vez máis remotos conforme se ía
progresando nos coñecementos; a principal
revolución do pensamento, polo que significou
de duro golpe asestado ao antropocentrismo cosmolóxico,
veu dada pola publicación de A Orixe
das Especies de Charles Darwin en 1859, e pola
lenta aceptación de que os principios
de evolución que rexen a transformación
das especies vivas non respetan tampouco ao
ata entón intocable ser humano. Xa non
se trata de que se admitan restos feitos por
man humana que poñen de manifesto a existencia
de sociedades e culturas moi remotas; trátase
agora de que a propia humanidade evoluíu
co tempo, a partir de criaturas anteriores que
son antepasados comunes cos grandes simios actuais,
orangutáns, gorilas e chimpancés.
O ser humano deixa de ser unha criatura creada
nun instante a imaxe e semellanza da divindade
para se converter nun animal como os outros,
mesmo máis evoluído, e a propia
evolución natural vese agora como un
proceso no que se suceden os triunfos de determinados
cambios e mutacións acaecidos sen contido
teleolóxico ningún.
A
partir deses momentos prodúcese un acelerado
desenvolvemento das tres disciplinas relacionadas
desde o seu mesmo nacemento: a Xeoloxía,
a Paleontoloxía (botánica, zoolóxica
e humana) e a Prehistoria. As transformacións
obradas no noso planeta (erosión e sedimentación,
tectónica e formación do releve,
glaciarismo, modificacións do nivel do
mar, cambios na polaridade do magnetismo terrestre,
etc.), a evolución das plantas e animais
incluído o ser humano, e os productos
elaborados polas sociedades humanas e as sociedades
mesmas na súa totalidade son cada vez
mellor comprendidas, nun complexo proceso acumulativo
no que os novos achados, as novas técnicas
e as novas propostas teóricas se articulan
para facer avanzar o coñecemento do pasado
remoto, nun proceso que está sempre a
medio facer.
A
xeoloxía estableceu os grandes períodos
ou eras na vida do planeta, durante as que se
foi formando o mundo tal e como hoxe o coñecemos,
e a paleontoloxía foi definindo a paralela
evolución dos seres vivos. O primeiro
período recibe o nome de Precámbrico,
e abranxe desde a formación do planeta
hai máis de cinco mil millóns
de anos ata hai uns 600 millóns de anos;
este período ve o nacemento da vida en
medio mariño (os fósiles máis
antigos teñen uns 1400 millóns
de anos) e o desenvolvemento das primeiras algas.
Durante o Primario, entre os 600 e os 230 millóns
de anos, a vida desenvólvese no mar e
conquista a terra, aparecendo sucesivamente
invertebrados mariños (trilobites) e
os primeiros peixes e, na terra, os insectos
e os primeiros batracios e réptiles.
O Secundario, entre 230 e 72 millóns
de anos, ve o desenvolvemento dos moluscos no
mar (ammonites e belemnites) e o dos réptiles
na terra, alcanzando algúns deles notables
tamaños. O Terciario, entre 72 e 1,8
millóns de anos, ve o descenso dos réptiles
e a aparición das aves e os mamíferos,
que prefiguran xa as especies actuáis.
A
APARICION DO HOMO NO TERCIARIO.
Durante
o Terciario ten lugar a lenta transformación
que a partir de antigos primates superiores
vai dar lugar aos simios actuáis e ao
ser humano. A adquisición da locomoción
bípeda, o incremento do tamaño
do celebro, a especialización da man
como un órgano plurifuncional e as modificacións
dos maxilares e a dentame no sentido de adquirir
a capacidade dunha alimentación omnívora
que inclúe o carnivorismo van ser elementos
que axuden a ordenar os restos fósiles
atopados.
A
evolución non se concibe hoxe como unha
liña na que as especies se suceden unha
tras outra, senón cunha estructura de
arbre na que un tronco común se ramifica
en numerosas especies das que unhas fracasan
e desaparecen e outras volven a dividirse á
súa vez repetindo o esquema anterior.
Así, nun momento temperán do Terciario
parece producirse a primeira división
entre a rama que por posteriores subdivisións
dará lugar aos actuais monos do continente
americano (platirrinos) e a que estará
na orixe dos actuais monos do vello mundo euroasiático
e do ser humano (catarrinos); un posible antepasado
común destes é o Oligopithecus,
cunha antigüidade de 30 a 35 millóns
de anos. A rama dos catarrinos divídese
novamente hai entre 30 e 20 millóns de
anos, iniciándose a separación
entre a liña dos cercopitecoideos ou
monos con cauda e a dos hominoideos ou monos
sen cauda (os actuais descendentes desta rama
son os xibóns, os orangutáns,
os gorilas, os chimpancés e os seres
humanos). Obxecto actual de discusión
é a consideración do Proconsul
africanus, un pequeno primate que habitou en
Kenia e Uganda hai entre 20 e 17 millóns
de anos, como un antepasado común a todos
os hominoideos.
Hai
entre 20 e 15 millóns de anos prodúcese
a radiación dos hominoideos, sen que
se poida precisar hoxe o momento en que se separa
a rama dos pequenos hominoideos asiáticos
que dará lugar aos actuais xibóns.
Máis clara parece a bifurcación,
hai uns 16 millóns de anos, dos grandes
antropoides entre a rama asiática (da
que o orangután é hoxe a única
especie sobrevivente) que ten os seus representantes
con 12-7 millóns de anos de antigüidade
no Sivapithecus e o Ramapithecus, e a rama africana
antepasada dos gorilas, chimpancés e
seres humanos; ningún fósil se
coñece ata hoxe que poida ser candidato
á zona común desta última
rama.
Ante
a carencia de fósiles, a bioloxía
molecular cos seus estudios comparados do ADN
das especies actuais propón que, hai
uns 10 millóns de anos, desta rama común
aos grandes antropoides africanos se separa
a liña que dá lugar ao actual
gorila, e hai uns 7 millóns prodúcese
a derivación dos antecesores dos actuais
chimpancés; datas estas moito máis
próximas do que hai aínda poucos
anos se cría, e que veñen sinalar
o alto grado de parentesco existente entre os
grandes monos actuais -sobre todo o chimpancé-
e nós mesmos. Esta constatación,
unida á observación de que os
primates evoluídos empregan instrumentos
simples (paos, pedras, herbas mastigadas para
actuaren como esponxas, etc.) e aos estudios
sobre chimpancés que demostran as súas
ata hai pouco insospeitadas capacidades intelectuais
(de aprender, de resolver problemas de xeito
intelixente non instintivo, e de asumir e aplicar
métodos simbólicos de linguaxe
conceptual), fai entrar nunha nova crise, comparable
á producida polo darwinismo, a idea e
a imaxe que como especie tiñamos de nós
mesmos: o ser humano xa non se separa nitidamente
do resto dos animais (dos animais, diciamos
con petulancia) por ser o único capaz
de empregar utensilios, nin por ser o único
intelixente, nin por ser o único que
experimenta sentimentos de tristeza, alegría
e amor. Unha profunda cura de humildade debería
producirse perante estas constatacións,
e unha profunda reflexión sobre o papel
que a nosa especie está a xogar no complexo
sistema do noso planeta.
Seguindo
o discurso evolutivo, xa queda tan só
a rama dos homínidos; o seu máis
antigo representante ata agora coñecido
é o Australopithecus ramidus, que viviu
hai máis de 4 millóns de anos
en ambientes boscosos da actual Etiopía.
Non está completamente establecido que
este ser camiñase xa sobre dúas
pernas (bipedismo), aínda que certos
rasgos así o fan sospeitar. De se confirmar,
habería que desbotar a explicación
que ata agora se vén aceptando para o
cambio do sistema de locomoción que está
na base do proceso da hominación. Segundo
ela, o bipedismo teríase desenvolvido
co paso dos prehomínidos do bosque á
sabana; sería un cambio adaptativo que
permitiría a adopción da posición
vertical co que se dominaría visualmente
o territorio cuberto por herbas altas, ao tempo
que a liberación das mans das tarefas
locomotrices permitiría o transporte
das crías, o traslado de comida ao campamento
base e, finalmente, a súa especialización
para a fabricación de utensilios. O recordado
profesor e amigo D. Carlos Alonso del Real definía
nas súas clases a hominación como
"unha mutación acumulativo-explosiva,
ocorrida ao nivel do telencéfalo, a partir
da especialización pé/man".
Agora, e aínda manténdose o bipedismo
como a fundamental modificación entre
as que van dar lugar ao ser humano, e mesmo
a primeira no tempo, cómpre explicar
a aparición desta modificación.
O
bipedismo aparece claro algo máis tarde,
nas pegadas de pisadas atopadas en Laetoli (Tanzania)
cunha antigüidade de 3,7 millóns
de anos. Da mesma época coñécense
restos óseos doutra variedade de homínido,
o Australopithecus Afarensis, atopados en Hadar
(Etiopía); ningunha industria lítica
apareceu asociada a esta especie, para a que
se supón, a partir do estudio dos dentes
recuperados, unha alimentación fundamentalmente
vexetariana, similar á dos actuais grandes
simios: froitos, sementes, raíces e tubérculos.
Algo
máis cerca de nós, hai uns 3 millóns
de anos, parece producirse unha diversificación
que dará lugar a novas especies homínidas:
o Australopithecus Africanus, o Australopithecus
Robustus e, finalmente, o Australopithecus Boisei.
Non están claras as relacións
entre estas variantes (algúns investigadores,
por exemplo, consideran as dúas últimas
como especies do xénero Paranthropus);
en calquera caso, non se trata dunha evolución
unilineal. O A. Boisei é claramente unha
especie evoluída e esgallada da rama
que, tal vez procedente do A. Afarensis, dá
lugar ao xénero Homo, pois convivía
en Kenia hai máis de 2 millóns
de anos co máis antigo representante
deste, o Homo Habilis. A este último
atribúense habitualmente os máis
antigos (2,7 millóns de anos) utensilios
tallados coñecidos, atopados en Etiopía;
pero non se pode desbotar que correspondan a
algunha das especies de Australopithecus.
Os
útiles fabricados polo Homo habilis son
sinxelos. Trátase fundamentalmente de
cantos rolados aos que por percusión
con outra pedra se lles extraen dun dos seus
bordos varias lascas consecutivas (chámase
lasca ao fragmento ou esquirla que salta dun
bloco de pedra ou núcleo cando é
fortemente golpeado cun obxecto que actúa
como percutor) creando así un fío
cortante irregular, sendo tamén cortantes
os gumes das lascas extraídas. Os obxectos
así fabricados denomínanse cantos
tallados ou cantos traballados, diferenciándose
tecnolóxica e quizá cronoloxicamente
segundo que os golpes para a obtención
do fío actúen sobre unha sola
cara (cantos tallados unifaciais ou choppers)
ou sobre as dúas caras alternativamente
(cantos tallados bifaciais ou chopping-tools);
tamén as lascas, cos seus gumes cortantes,
actuaron como útiles, se ben non mereceron
ata hai pouco a atención preferencial
dos investigadores.
Tamén
se supón que o Homo habilis é
o responsable dos que para algúns son
os máis antigos xacementos arqueolóxicos
ata hoxe existentes: acumulacións de
pedras para os que se supón a función
de base de paraventos, e concentracións
de cantos rolados, algúns deles con indicios
de talla, transportados desde distancias en
ocasións ben considerables, e que aparecen
amontoados xunto a restos óseos de animais.
Estas acumulacións de cantos e ósos
tómanse habitualmente como indicadores
dun cambio de dieta, dun paso do vexetarianismo
exclusivo ao carnivorismo que aínda non
se veu reflectido na dentame do Homo habilis.
Pero pouco máis se pode asegurar sobre
o primeiro Homo. Se era xa un cazador-recolector
con fogares de base nos que a femia-reproductora
criaba a súa prole alimentándose
coas presas que o macho-cazador lle proporcionaba,
ou se era un recolector vexetariano que, como
os actuais chimpancés ou gorilas, se
desprazaba en grupos aproveitando o que o medio
lle ofrecía, incluíndo agora as
posibilidades do carroñeo ocasional e
oportunista das pezas "cazadas" por
outros carnívoros ou falecidas por morte
natural, son alternativas entre as que hoxe
resulta difícil decantarse definitivamente.
As
orixes do Homo preséntanse, por tanto,
envoltas nunha densa brétema. Pero, a
pesar de todo, os coñecementos sobre
elas chegaron a un punto inimaxinable hai a
penas unhas décadas. En calquera caso,
sabemos que a historia do ser humano comeza
nos finais do Terciario, durante o período
chamado Plioceno; cando comece o período
Cuaternario, hai 1.800.000 anos, o Homo habilis
está firmemente asentado no seu fogar
africano, convivindo co Australopithecus Africanus
e co Australopithecus Boisei, aos que axiña
se engadirá outra especie humana, o Homo
Erectus. Este último, tras a desaparición
das especies anteriores, será durante
a primeira parte do Cuaternario o respondable
da expansión humana por amplos territorios
e da creación das técnicas de
talla e dos métodos de aproveitamento
do medio que caracterizarán o Paleolítico
Inferior.
AS
GLACIACIONS DO CUATERNARIO.
O
período Cuaternario vén caracterizado,
desde a óptica da paleontoloxía
humana ou antropoloxía física,
pola evolución do xénero Homo,
desenvolvéndose, a partir do Homo habilis
do Terciario, novas especies sucesivas: o Homo
Erectus, o Homo presapiens (agora prefírese
a denominación Homo sapiens arcaico),
o Homo sapiens neanderthalensis e, finalmente,
o Homo sapiens sapiens (ou Homo sapiens moderno),
a nosa especie actual; tamén se produce
ao longo deste período a expansión
das especies humanas a partir do seu berce africano
ata atinxir a súa extensión actual,
adaptándose a unha ampla gama de nichos
ecolóxicos.
A
característica xeolóxica principal
do Cuaternario vai ser a forte fluctuación
climática, sucedéndose períodos
de enfriamento ou glaciares entre os que se
intercalan fases de clima máis cálido
ou interglaciares. As glaciacións foron
estudiadas sobre todo nas terrazas fluviais
de afluentes do Danubio, dos que proceden os
seu nomes. Catro glaciacións principais
distínguense no Cuaternario, coñecidas,
da máis antiga á máis moderna,
cos nomes de Günz, Mindel, Riss e Würm,
separadas polos interglaciares Günz-Mindel,
Mindel-Riss e Riss-Würm. O final da glaciación
Würm, hai uns 12.000 anos, marca o punto
que separa os dous grandes períodos en
que se divide o Cuaternario: o Pleistoceno,
o máis longo e máis antigo, e
o Holoceno ou Cuaternario Recente, no que se
encadran tamén os tempos actuais.
Esta
alternancia de climas, extrema en latitudes
altas, foi crucial para o desenvolvemento da
vida (non só humana) durante o Pleistoceno.
Aínda a pesar de pecar de xeralización,
pois os fenómenos climáticos vénse
antes como agora moi matizados polas condicións
locais, pódense caracterizar os tempos
glaciares por unha importante ampliación
da superficie ocupada polos casquetes polares;
grandes zonas de Europa, incluindo as Illas
Británicas, o Norte de Francia, os Paises
Baixos e o Norte de Centroeuropa, estiveron
permanentemente cubertas de xelo, limitando
gravemente o desenvolvemento da vida; tamén
sufriron este destino as montañas de
certa envergadura situadas máis ao Sul.
En boa parte do resto de Europa o clima foi
periglaciar, coas capas profundas do solo permanentemente
conxeladas e polo tanto impermeables, mentres
que as capas superiores se desconxelaban durante
os veráns, encharcándose ata dar
lugar a unha lama que esbaraba máis ou
menos lentamente polas ladeiras dos montes (o
que se coñece como solifluxión),
facendo cambiar de sitio todo o que se contiña
no seu interior, incluidos os restos de anteriores
ocupaciones humanas; moitos xacementos arqueolóxicos
sufriron este destino, perdendo así unha
enorme parte do seu valor informativo. O frío
intenso e a alternancia entre conxelación
e desconxelación provocou en moitos casos
a fractura das rochas (xelifracción),
que se desmenuzaron en fragmentos con aristas
angulosas. Tamén o solo e o subsolo víronse
afectados polo frío, agrietándose
e afundíndose, e provocando a penetración
duns estratos en outros (crioturbación).
A
vexetación, onde o seu crecimento era
posible, foi limitada polo frío, impóndose
unha paisaxe de estepa fría ou tundra,
ás veces con pequenas agrupacións
de árbores resistentes ó ao ío
como as coníferas. Asimesmo a fauna,
diferente segundo as glaciacións que
se consideren, correspondeu a especies adaptadas
ao frío.
O
mar tamén experimentou importantes modificacións.
O frente polar avanzou cara ao Sul, chegando
a afectar na súa expansión máxima
a toda a costa atlántica da Península
Ibérica; o frío das augas e os
icebergs influiron sen dúbida nas rexións
costeiras. Pero sobre todo ten interés
a modificación sufrida no nivel das augas
do mar: o crecimento dos casquetes polares fixo
que moita da auga dos océanos quedase
convertida en xelo, polo que o nivel mariño
descendeu considerablemente respecto do actual.
En casos extremos constátanse descensos
de ata cen metros, o que ten as súas
implicacións. As terras emerxidas, potencialmente
habitables polos grupos humanos, abarcaban unha
superficie moito maior que hoxe, facendo desaparecer
moitos estreitos e chegando a unir as Illas
Británicas ao continente. Moitos restos
deixados polas sociedades das épocas
glaciares deben estar hoxe baixo das augas do
mar.
Os
ríos, pola súa parte, arrastraban
no seu curso superior os fragmentos de rocha
desprendidos por xelifracción, depositándoos
no seu curso medio o que, xunto co aporte de
materiais que descendían polas ladeiras
por solifluxión, deu lugar a fenómenos
de sedimentación que se concretaron na
formación de terrazas. No curso inferior
dos ríos a situación é
a contraria: a desembocadura está en
niveis moito máis baixos, polo que o
río, incrementando o seu poder erosivo,
tende a encaixarse no val no seu percorrido
final.
Este
panorama invírtese durante os períodos
interglaciares. A temperatura do globo faise
máis quente e os xelos derrítense;
o frente polar mariño fuxe cara ao Norte,
e o nivel do mar elévase, máis
alto que o actual (transgresións mariñas);
deste fenómeno quedan hoxe, as veces
ben no interior, restos de praias antigas ou
terrazas mariñas a varios metros sobre
o nivel do mar (nos casos máis fortes,
restos das primeiros períodos interglaciares,
poden sobrepasar os oitenta metros de altura).
O comenzo do período, co dexelo e o incremento
da auga continental, leva consigo procesos de
erosión, nos que os novos ríos
arrastran os productos xelifractados na fase
glaciar anterior. Unha vez alcanzado o equilibrio,
os ríos erosionan no curso alto e medio,
e sedimentan, ás veces con formación
de terrazas, no curso baixo, onde as antigas
desembocaduras agora inundadas forman estuarios.
Todo posibilita unha fase de incremento vital
xeral (biostasia), con formación de solos
e aparición de vexetación abondosa,
instalándose en grandes áreas
o bosque de caducifolios no que habita unha
fauna cálida.
Certo
é que esta visión contén
boas doses de error si intentamos aplicala sen
máis a calquera punto que nos interese.
Dentro desa tendencia xeral caben moitas variantes
e matizacións, e para poder dicir cómo
foi a vida nun lugar determinado non cabe outra
solución que abordar estudios concienzudos
do proceso nesa zona, sen que as posibles extrapolacións
das conclusións obtidas noutros lugares
millor estudiados poidan facerse máis
que de modo moi xenérico e global. Por
outra parte, cómpre matizar que os períodos
glaciares non foron tampouco homoxéneos,
senón que o clima experimentou oscilacións
que permiten distinguir, dentro de cada período
glaciar, estadios nos que o clima frío
alcanza o seu máximo desenvolvemento,
e interestadios nos que o frío se atempera
dando lugar a un clima algo máis benigno,
aínda que sen chegar ao grado dos períodos
interglaciares.
Dado
que, aínda que persistan certas discusións,
máis ou menos se coñecen as duracións
dos períodos glaciares e interglaciares,
éstes tómanse a menudo como indicadores
cronolóxicos, polo que non é raro
atoparse con indicacións sinalando que
tal industria ou tal xacemento pertence ao Würm,
ou ao Eemiense (chámase así ao
interglaciar Riss-Würm), etc. Con todo,
a periodización cronolóxica do
Pleistoceno que hoxendía é máis
aceptada é a que divide a éste
en tres fases, Pleistoceno Inferior (1.800.000-700.000
anos), Medio (700.000-120.000) e Superior (120.000-12.000),
empregando como puntos de división determinados
momentos de inversión do campo magnético
terrestre, o que ten de positivo o seu carácter
de universalidade frente ás variacións
fundamentalmente latitudinais das glaciacións.
O
Pleistoceno Inferior vería desenvolverse
o final da glaciación Donau, comenzada
a finais do Plioceno e aínda pouco coñecida,
o interglaciar Donau-Günz, e a longa glaciación
do Günz (1.200.000-700.000). O Pleistoceno
Medio abarca o corto interglaciar Günz-Mindel,
o glaciar Mindel (650.000-350.000) e, tralos
50.000 anos do interglaciar Mindel-Riss, a glaciación
do Riss (300.000-130.000), rematando xa comenzado
o interglaciar Riss-Würm. Finaliza éste
nos comenzos do Pleistoceno Superior, que abarca
toda a glaciación Würm (110.000-10.000),
a última e mellor coñecida.
Co
final da última glaciación remata
o Pleistoceno e comenza o Holoceno ou Cuaternario
Recente, que representa unha fase cálida
do clima aínda que con oscilacións
que veremos con detalle, xa aplicadas ao caso
concreto de Galicia, máis adiante.
O
PALEOLITICO "CLASICO": UNHA SINTESE
DE HAI VINTECINCO ANOS.
Desde
a óptica da Prehistoria, o Pleistoceno
coincide co desenvolvemento do Paleolítico
(etimoloxicamente "da pedra antiga"),
chamado así desde as primeiras clasificacións
das industrias prehistóricas en pedra
por seren éstas exclusivamente de pedra
tallada ou lascada, período ao que sucede,
xa no Holoceno (a segunda parte do Cuaternario,
unha vez rematada a última glaciación
de Würm), o Neolítico (ou "da
pedra nova"), no que aparece como novedade
tecnolóxica a pedra pulimentada.
Hoxe
os términos mudaron o seu sinificado,
e en boa parte perderon o carácter restrictivo
do seu sentido etimolóxico. Na concepción
dos períodos, mesmo conservando as súas
implicacións tecnolóxicas, priman
os relativos aos modos de producción
e ás estructuras económicas e
sociais que lles son propias, interpretándose
as variacións das técnicas de
talla en función deles. Así, o
período Paleolítico vén
caracterizado por unha actividade meramente
predadora dos recursos naturais, con actividades
económicas fundamentais de recolección,
carroñeo, caza e pesca, sen que se exerza
sobre o medio natural máis control que
o derivado do profundo coñecemento que
permite o seu eficiente aproveitamento. Co Neolítico,
pola contra, éntrase no control e o dominio
do medio co desenvolvemento da agricultura e
a gandeiría, pasando as sociedades a
ser productoras de alimentos e aparecendo con
carácter xeral a sedentarización
en aldeas. O salto do Paleolítico ao
Neolítico non se produce bruscamente,
senón que existen estadios intermedios
nos que perviven os modos de vida do Paleolítico
nos novos ambientes postglaciares (Epipaleolítico),
mesmo producíndose modificacións
na tecnoloxía e nos sistemas de aproveitamento
do medio que poden anunciar o seguinte período;
algúns autores falan neste caso dun Mesolítico,
entendido como un Epipaleolítico progresivo
ou avanzado; outros autores, sen embargo, identifican
ambos términos.
Destas
lonxanas épocas poucos restos chegan
ata nós e, para o Paleolítico,
os útiles de pedra practicamente monopolizan
o panorama. De aí que durante décadas
os prehistoriadores adicaran os seus maiores
esforzos ao estudio destas pezas líticas,
tentando de agrupalas en conxuntos coherentes
capaces de diferenciar unhas "culturas"
doutras, ao tempo que se establecía unha
secuencia cronolóxica relativa entre
elas, e se producían tamén achegas
a unha comprensión das pezas individuais,
que quedaban clasificadas con diversos nomes
segundo a súa forma, os xestos técnicos
empregados na súa fabricación
ou o seu pretendido uso deducido dalgún
rasgo que as facía, segundo os ollos
actuais, máis propicias para determinadas
tarefas. O progreso das técnicas de talla
constatábase na capacidade de obter unha
maior lonxitude de fío cortante a partir
dunha mesma cantidade de materia prima.
O
paralelo avance da paleontoloxía humana
permitiu asociar os diferentes tipos líticos
coas sucesivas especies que ian sendo coñecidas
dentro do xénero Homo. Hai 25 anos, a
finais da década dos 60, estableceuse
unha visión certamente ordenada do marco
biolóxico e tecnolóxico no que
se desenvolveu a vida da primeira humanidade.
O marco comenzaba co máis lonxano Paleolítico
Inferior a finais do Terciario, no Plioceno
(algúns autores prefiren falar de Arqueolítico);
o tipo humano é o Homo Hábilis
acompañado por diversos tipos de Australopithecus
(en ocasións fálase de Australántropos
-homes do Sur- para referirse a estas especies),
e as industrias características son os
cantos traballados, unifaciais (choppers) ou
bifaciais (chopping-tools); estes cantos traballados
ou tallados reciben o nome de Pebble Culture.
Xa
no Cuaternario, e tras un Pleistoceno Inferior
(1.800.000-700.000) no que a continuación
das características do período
anterior non podía ocultar grandes carencias
de información, desenvolvíase
o Paleolítico Inferior propiamente dito
durante o Pleistoceno Medio (700.000-120.000).
Aparece agora unha nova especie humana, o Homo
Erectus, extendido por practicamente todas as
rexións habitadas do planeta. Os exemplares
máis coñecidos foron atopados
en Java (Pithecanthropus Erectus), en Asia (Sinanthropus
Pekinensis), en Africa (Atlanthropus Mauritanicus)
e en Europa (Homo Heidelbergensis coa mandíbula
de Mauer, restos de Montmaurin); ás veces
emprégase o término de Arcántropos
para estes tipos humanos. As industrias líticas
experimentan tamén un avance, aparecendo
agora unha maior diversidade co complexo Achelense.
O útil máis característico
e definitorio deste período será
o bifaz, un artefacto feito sobre núcleo,
de forma máis ou menos de amendoa obtido
a través de numerosas extraccións
de lascas en ambas caras da peza. A partir do
grado de perfeccionamento na confección
dos bifaces (fíos máis rectos,
seccións máis planas, extraccións
de lascas máis ordenadas e cubrintes)
distinguiuse un Achelense inferior (tamén
chamado Chelense e sobre todo Abbevillense),
un Achelense medio e un Achelense superior,
dentro do cal destaca o Micoquiense con bifaces
tecnicamente moi depurados e cunha notable beleza
formal. A definición do bifaz como útil
máis típico do Achelense non é
obstáculo para que continúen aparecendo
cantos tallados, nin para que existan novos
tipos sobre núcleo (triedros, fendedores)
nin para que se empreguen tamén ás
lascas, ás veces retocadas. Considerábase
que as sociedades de Arcántropos usaban
e dominaban o lume, e eran expertas cazadoras
mesmo de animais de gran tamaño tal como
evidenciaban os achados de lugares de caza de
proboscídeos como en Torralba e Ambrona,
onde nun medio pantanoso aparecían asociados
restos líticos e ósos deses animais.
A
finais do Pleistoceno Medio e comenzos do Pleistoceno
Superior había unha zona de difícil
caracterización, unha etapa de transición,
na que novos tipos humanos (os chamados Presapiens,
con achados en Steinheim, Swanscombe, Fontèchevade,
etc.) empregaban, dentro do Paleolítico
Inferior e do Achelense, unha nova técnica
de talla que ía ser característica
do período seguinte: a técnica
levallois. Consiste ésta na sucesión
dunha serie de xestos técnicos tendentes
a preparar o núcleo de xeito que a seguinte
extracción sexa dunha lasca de forma
prefixada. Así, si se quer obter unha
lasca plana e elíptica se preparará
previamente un núcleo en "caparazón
de tortuga"; se se quere obter unha punta,
previamente se prepararán no núcleo
dúas extraccións lonxitudinais
e paralelas cun nervio central que sirva de
guía, etc.
Estas
innovacións alcanzan a súa madurez
hai uns 90.000 anos, xa comenzado o Pleistoceno
Superior (120.000-12.000), dando lugar a un
novo período, o Paleolítico Medio.
O tipo humano é agora xa non só
do noso xénero, senón tamén
da nosa especie, o Homo sapiens, mesmo que dunha
variedade ou subespecie diferente. Trátase
do "Home de Neanderthal", o Homo sapiens
Neanderthalensis (ás veces chamado tamén
Paleántropo), xa moi parecido aos seres
humanos actuais mesmo que conserve certos rasgos
arcaicos (frente moi inclinada, arcos supraorbitais
engrosados, mandíbulas macizas). E o
parecido non vai ser só no físico,
senón que o desenvolvemento mental evidénciase
agora en dous aspectos fundamentais: por unha
parte, na aparición dos primeiros enterramentos
humanos que patentizan un ritual (deposición
de ósos animais e obxectos xunto co cadáver
humano, preparación cuidada da tumba
con pedras ben escollidas e mesmo nun caso coa
colocación do difunto sobre un leito
de flores) que fai pensar no nacemento das creencias
na vida ultraterrena; por outra, na consolidación
de métodos de talla que permiten un aproveitamento
moito máis eficiente da materia prima,
dando lugar a un novo complexo tecnotipolóxico,
o Musteriense, no que os utensilios sobre lasca
priman sobre os feitos sobre núcleo,
ampliándose a variedade e a especialización
dos útiles. As lascas obtidas empregando
ou non o método levallois retócanse
para convertilas en útiles estandarizados,
dos que os máis característicos
son as raedeiras (útiles caracterizados
pola existencia dun borde recto ou curvo convexo
regularizado mediante retoque para obter un
fío suave semicortante, ben adaptado
para o traballo das peles), as puntas (que non
precisan de retoque se a forma foi determinada
polo levallois), e os utensilios denticulados
(con varias muescas sucesivas aplicadas nun
dos seus bordes); ao lado destes novos elementos
perviven en ocasións os bifaces. Atendendo
á composición interna dos conxuntos
líticos musterienses, segundo aos distintos
porcentaxes de aparición destas pezas
neles, pódense distinguir diferentes
facies: o Musteriense típico, o Charentiense
(con subfacies Quina e Ferrassie), o Musteriense
de tradición achelense e o Musteriense
con denticulados. Na concepción "clásica"
-recordemos que estamos situándonos hai
vintecinco anos- cada facies musteriense correspondía
a grupos humanos cunhas tradicións culturais
determinadas, e mesmo se pensaba que podían
asociarse con tipos humanos distintos, dado
que o Homo sapiens Neanderthalensis tan só
aparecía asociado directamente co Musteriense
típico e co Charentiense, sendo descoñecido
o tipo humano asociable cos musterienses de
tradición achelense e con denticulados.
Hai
40.000-35.000 anos, coincidindo co comenzo das
fases máis frías da glaciación
Würm, comenzaba o Paleolítico Superior.
Un novo tipo humano, o actual Homo sapiens sapiens
(tamén chamado Neántropo), desenvolve
novas técnicas de talla e manifesta un
elevado siquismo, visible no tratamento ritual
dado aos mortos, agora con abundantes adornos,
e sobre todo nas imponentes mostras de arte,
tanto moble (venus gravetienses, propulsores
decorados con figuras de animais, etc.) como
parietal (con impresionantes manifestacións
en covas ben coñecidas como as de Altamira,
Lascaux, etc.). O novo período resulta
millor coñecido que os anteriores, ao
compas dos máis amplos coñecementos
xeolóxicos, paleobotánicos e paleozoolóxicos
da glaciación Würm; ao propio tempo,
boa parte deste período cae dentro das
posibilidades de datación por carbono
14, imposible de utilizar en momentos anteriores,
polo que desde mediados de seculo se conta tamén
cun crecente corpus de datos que permiten situar
os xacementos e as súas manifestacións
industriais nunha escala cronolóxica
absoluta. A talla da pedra, da que desaparecen
definitivamente os bifaces que aínda
perduraban no Musteriense, amplía as
súas posibilidades de obter gumes cortantes
mediante a extracción de láminas
ou follas, lascas alongadas nas que a lonxitude
é cando menos o doble da súa anchura.
Estas follas retócanse posteriormente
para dar lugar a unha ampla variedade de útiles,
entre os que os raspadores e os burís
serán os máis característicos,
mesmo coexistindo con outros como os diferentes
tipos de coitelos de dorso rebaixado, puntas,
becs, perforadores, pezas con truncaduras, muescas
e denticulados, etc. A presencia ou ausencia
de determinados tipos, así como a frecuencia
relativa da aparición destes caracterizan
cada conxunto lítico, permitindo a diferenciación
de "culturas" do Paleolítico
Superior. A secuenciación deste pasa
por considerar un período inicial ou
Auriñaco-Perigordiense (no que se distinguen
á súa vez un Chatelperroniense
ou Perigordiense inicial, seguido do Auriñaciense
e finalizando no Gravetiense ou Perigordiense
final), un período intermedio Solutrense
propio de determinadas zonas, e unha fase final
Magdaleniense, na que unha industria moi especializada
e de pequenas dimensións se asocia a
arpóns feitos en óso que alcanzan
agora o seu máximo grado de perfección
técnica e formal.
O
PALEOLITICO: DUDAS E PROBLEMAS.
Durante
a década dos 70 o panorama arqueolóxico
viuse conmovido por un movimento de renovación
teórica, a New Archaeology, nacido en
USA pero que pronto alcanzou repercusións
europeas sobre todo no mundo angloparlante.
A concepción tradicional que contemplaba
como principais tarefas do arqueólogo
(no noso caso, arqueólogo prehistoriador)
o establecemento de tipoloxías líticas,
o estudio da súa relación con
estratigrafías xeolóxicas e a
súa secuenciación cronolóxica,
foi considerada excesivamente estreita de miras
e pouco explicativa dos cambios producidos no
pasado da humanidade; fronte a esta visión,
un novo e amplo abano de preguntas apareceu
agora diante dos prehistoriadores, que empregaron
todos os medios ao seu alcance para respostalas.
E, certamente, medios había agora moitos,
cando menos moitos máis que duas décadas
antes.
A
famosa "revolución teórica"
dos 70 non é, en ningún modo,
unha creación exclusivamente feita desde
a torre de marfil do pensamento puro, senón
que se ve posibilitada polos logros, moito máis
infraestructurais, dos vinte anos anteriores:
en primeiro lugar, a posta a punto do método
de datación pola análise da radioactividade
do Carbono 14, que liberou aos prehistoriadores
de moitos problemas para a situación
cronolóxica dos xacementos; pero tamén,
e non en menor medida, a aplicación aos
problemas prehistóricos de numerosas
técnicas e instrumentos analíticos
científicos postos a punto e difundidos
na década anterior: métodos de
datación como as huellas de fisión,
arqueomagnetismo, potasio-argón ou termoluminiscencia;
técnicas para a reconstrucción
do medio ambiente mediante o estudio dos núcleos
das profundidades mariñas, os solos,
as análises de pólenes (palinoloxía)
e carbóns (antracoloxía); o estudio
da dieta alimenticia mediante a análise
dos excrementos fósiles (coprolitos)
animais e humanos; a aproximación á
fauna do pasado (macro e micromamíferos,
aves, peces e moluscos mariños e non
mariños); a extracción de consecuencias
demográficas a partir dos ósos
humanos (determinación sexual, edade
e mortalidade, estatura, cremacións,
enfermedades, etc.), van quedar ao alcance dos
arqueólogos desde os primeiros anos da
década dos 60, ao propio tempo que acceden
a técnicas como os raios X, a microscopía
electrónica, o microscopio petrográfico,
a espectrografía de emisión óptica,
etc. Tamén a análise estadística
e o emprego dos primeiros ordenadores (enormes
máquinas nada "personais")
comenzan nestes momentos.
A
chegada dese abrumador corpus instrumental procedente
de ámbitos científicos alleos
á Prehistoria permitiu, desde logo, a
formulación de preguntas que uns anos
antes resultarían absurdas pola imposibilidade
de darlles entón resposta. O outro aporte
fundamental que está na base da renovación
teórica vén do mundo das "humanidades",
a través da Xeografía pero sobre
todo da Etnoloxía e a Antropoloxía
Cultural, sobre todo na súa corrente
funcionalista, tanto no relativo á formulación
de modelos que poidesen aplicarse como hipóteses
no campo da Prehistoria, como no que respecta
ao estudio arqueolóxico de comunidades
actuais (etnoarqueoloxía), importante
medio de validación dos postulados aplicados
á interpretación do rexistro arqueolóxico.
No
seo desta renovación teórica e
metodolóxica van ser sometidas a crítica
moitas aseveracións que se tiñan
como verdades asumidas para o Paleolítico,
e moitas delas non van resistir o envite. A
modo de exemplo, as conclusións do traballo
etnoarqueolóxico con esquimais foron
aplicadas á interpretación da
excavación de Pincevent, un xacemento
do final do Paleolítico Superior (Magdaleniense)
no que o estudio dos restos atopados permitiran
ao seu investigador A. Leroi-Gourhan inferir
a existencia de cabañas circulares, cada
unha co seu fogar, aptas para acoller a cadansúa
familia nuclear; outros fogares situados fora
das vivendas corresponderían a actividades
especializadas; finalmente, unha cabaña
con tres fogares interpretábase como
unha habitación colectiva. A nova análise
de Binford, un dos investigadores norteamericanos
máis combativos da New Archaeology, permitiu
pór en dúbida as conclusións
anteriores, demostrando que a distribución
dos restos respondía millor á
idea de unha reunión ao ár libre
en torno a fogueiras, sen habitación
algunha. Un dos documentos principais sobre
os que se sustentaba o coñecemento da
sociedade dos primeiros Homo sapiens sapiens
quedou así privado de validez.
Tamén
de Binford, e da aplicación de modelos
etnográficos, procede a interpretación
funcional das diferentes facies do Musteriense
como restos das distintas actividades que realizaban
os mesmos grupos humanos, en lugar de consideralas
como producto de sociedades diferentes, tal
como postulaba a visión tradicional establecida
por F. Bordes. Esta cuestión deu lugar
no seu momento a unha longa e apasionada polémica
entre os partidarios das dúas hipóteses,
sen que o asunto poida considerarse totalmente
terminado.
Para
os primeiros representantes do xénero
Homo, sobre todo o Homo habilis, as inferencias
antropolóxicas e etnoarqueolóxicas
teñen moita menor validez, por tratarse
dunha especie que, aínda que pertencendo
ao mesmo xénero, é moi alonxada
da nosa na escala evolutiva. A visión
foise entón cara á etoloxía
primate. A interpretación dos escasos
achados deses momentos desde o punto de vista
primate permitiu pór en dúbida
a concepción da humanidade como especializada
na caza desde os seus primeiros momentos, e
suxerir o comportamento de carroñeiro
oportunista como método principal de
obtención de proteina animal. Tamén
a etoloxía primate está na base
dun novo pensamento que pon ás femias
homínidas na base do proceso da hominación;
segundo éste, as primeiras ferramentas
non serían obra dos machos con destino
á caza, senón das femias que recolectaban
tubérculos en compaña das súas
crías e os trasladaban ao campamento-base,
que lles servía de protección
dos grandes depredadores. Este feito, unido
á maior duración da relación
nai-fillo durante a crianza, á maior
permanencia dos machos na proximidade do fogar-base,
e á ampliación do período
de receptividade sexual, estaría na base
da nova estructuración social dos homínidos.
Mesmo que estas teorías resulten hoxendía
de difícil contrastación, non
deixan de ser un duro golpe ao pensamento tradicional
centrado no macho e no seu ata agora indiscutido
rol de gran cazador á hora de explicar
os avances físicos e sociais da primeira
humanidade.
Novos
mitos caeron co desenvolvemento da preocupación
polos procesos postdeposicionais acaecidos nos
xacementos arqueolóxicos. Unha meticulosa
revisión permite pór hoxe en dúbida
a existencia dos paraventos que sinalaban o
comenzo das vivendas do Homo Habilis, o dominio
do lume con anterioridade aos últimos
400.000 anos, ou mesmo a existencia de grandes
cazadores de elefantes nas sociedades de Torralba
e Ambrona, xacementos nos que novas lecturas
apuntan máis ben a actividades de carroñeo
e despece de animais previamente mortos.
Polo
demais, novos achados e novas ordenacións
de datos veñen ampliar o marco cronolóxico
e flexibilizar a cómoda ecuación
Paleolítico Inferior = Pleistoceno Medio
= Homo Erectus, Paleolítico Medio = Homo
Sapiens Neanderthalensis, e Paleolítico
Superior = Homo Sapiens Sapiens. Por unha parte,
constátase a existencia de Homo Erectus
en Africa en momentos tan antiguos como 1.600.000
anos, ao tempo que se atrasa tamén no
tempo a súa presencia en Europa: para
os restos de venta Micena (Granada) postúlase
unha antigüidade de 1.200.000 anos, e os
máis antigos restos de Atapuerca (Burgos)
parecen pertencer tamén ao Pleistoceno
Inferior. Por outra, cada vez son máis
os autores que consideran que os chamados Presapiens
son xa plenamente Homo Sapiens, aínda
que arcaico; incluso téndese a considerar
sapiens ao Homo Erectus, de xeito que a secuencia
estableceríase como Homo Habilis - Homo
Sapiens Arcaico - Homo Sapiens Neanderthalensis
- Homo Sapiens Sapiens.
Os
límites do Paleolítico Medio,
que se consideraban ben establecidos, experimentan
tamén modificacións. Pola súa
parte inferior, parece gañar adeptos
a tendencia a considerar xa do Paleolítico
Medio aos Presapiens e a introducción
da técnica levallois; deste xeito, e
segundo o autor que se considere, o Paleolítico
Medio comenza hai 300.000, hai 200.000, hai
120.000 ou hai 90.000 anos. Na parte superior,
cada vez resulta máis complicado o proceso
de aparición do Homo Sapiens Sapiens,
pois coñécense xacementos en que
éste aparece asociado con industrias
Musterienses, consideradas propias do Neanderthal,
mentras que éste aparece nalgúns
lugares claramente asociado con industrias Chatelperronienses,
ata agora exclusivas do Sapiens Sapiens.
Así
pois, moitas son as dúbidas que hoxe
fan tremar os esquemas establecidos con tanta
dificultad hai un par de décadas. Pero
esta é a lei do progreso do coñecemento,
e a fin de contas indica que se vai por bo camiño,
afianzando máis as verdades que se revelan
como tales e desfacéndose das adherencias
producto máis da proxección ideolóxica
conscente ou inconscente que se revelan caducas.
E,
en calquera caso, o que queda ben establecido
é que os prehistoriadores actuais non
se conforman xa coa mera ordenación tipolóxica
e cronolóxica dos escasos materiais que,
procedentes do pasado remoto, se conservan por
azar, e comenzaron xa o camiño da búsqueda
da comprensión total das desaparecidas
sociedades; un camiño que se presenta
longo e cheo de dificultades, pero que se aborda
co esprito rebosante de esperanza.
<< >>